20/10/11

Non hai casos illados de Violencia de Xénero, senón episodios xeralizados


A fatalidade quixo que a vítima número 50 da Violencia de Xénero en España durante 2011, Cristina González Sacau, fora unha muller de Vigo e que nós estivéramos rematando os detalles da iniciativa Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero cando o seu exmarido a asasinou. De iso hai só unha semana, e nestes sete días xa morreron asasinadas a mans das súas parellas outras dúas mulleres, unha en Avilés e outra en Girona.

Foi casual, pois, que nós comezáramos Enlaza Vigo coincidindo co asasinato de Cristina. Con 52 vítimas mortais na 42ª semana deste ano (en 2010 foron 66) podía ter coincidido co asasinato de calquera outra muller en calquera outro lugar de España. E, desde logo, coincidiu con outros moitos asasinatos machistas que todos os días ocurren en todo o mundo, aínda que non teñamos noticias da súa gran maioría  porque, de pura costume, deixaron de ser noticia para os medios.

Non é casual, polo tanto, que o Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade de Vigo poñan en marcha unha campaña de concienciación social dirixida á movilización da sociedade contra a Violencia de Xénero e á escenificación da súa enérxica condena do machismo nunha gran cadea humana,  nun día sinalado, o 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Un día para a loita pola igualdade, para condenar a violencia machista, e para reivindicar o compromiso real da sociedade e das institucións na erradicación de actitudes e comportamentos machistas dos que os asasinatos de mulleres son a cara máis tráxica.

E dicimos que non é casual que se faga esta campaña porque as cifras son suficientemente elocuentes da dimensión do que  hai que denominar sen prexuízos terrorismo machista: no que vai de ano, en España hai 52 mulleres asasinadas en 52 episodios distintos de terrorismo machista. O machismo mata e faino unha a unha.

Xa dixemos que nesta última semana coñecimos polos medios de comunicación a existencia duns cantos casos máis de Violencia de Xénero. Ademais de Vigo, Avilés, Girona, Bergondo (A Coruña), Murcia e Zaragoza foron noticia por feitos similares, protagonizados por homes que asasinaron, ou intentaron facelo e non tiveron éxito, as súas parellas ou exparellas (sempre mulleres).

Hai que paralo!!! Este é o berro que estades a facer en Facebook  todas as persoas, homes e mulleres, que vos sumástedes á campaña. Pero onde se agochan os terroristas machistas? Estes non teñen pisos francos, nin santuarios noutros países; non actúan en comandos nin pertencen a ningunha organización nin teñen dirixentes.

Estes terroristas actúan por libre e, a diferenza tamén doutros terroristas aos que a sociedade lles nega calquera tipo de sentimento humanitario, estes acadan dar mágoa. Na nosa sociedade impregnada de machismo, na nosa sociedade herdeira dos valores que consagran a supremacía do home sobre a muller, o crime dos terroristas machistas concita moitos atenuantes, moitas xustificacións encubertas, moitas palabras de mágoa e conmiseración por eles, en lugar dunha rotunda condena e do maior dos desprezos para eles.

Só a vixencia dos valores machistas explica que tanto mulleres como homes podan amosar mágoa polas consecuencias xudiciais e vitais que lles traerá o asasinato das súas parellas ou exparellas. Por iso, hoxe máis que nunca é importante non dar un paso atrás, mantermos firmes na condena do crime, esixir xustiza e esixir o compromiso decidido e real de todos os poderes públicos para rematar cunha lacra social que non só non atopa freno, senón que está a propagarse entre a mocidade a gran velocidade.

Só merecen a nosa preocupación as únicas vítimas, as mulleres asasinadas e, por extensión, as súas familias: os seus fillos e fillas medrarán privados e privadas cruelmente da súa nai, co trauma e o sensentido das súas vidas truncadas para sempre pola violencia machista.

Isto hai que paralo. Fagámolo entre todos e todas, rexeitando e actuando en consecuencia, en calquera lugar e situación, todo ataque e/ou discriminación contra as mulleres.

Eu voume enlazar contra a Violencia de Xénero. E ti?

No hay comentarios:

Publicar un comentario