24/10/12

Enlaza Vigo conta xa con máis de 1.200 alumnos e alumnas para facer o tapiz humano


Fotografía tomada na cadea humana Enlaza Vigo, celebrada o pasado ano co gallo do 25-N. © V. de las Heras.
Poucas semanas despois de iniciar a organización da campaña de Enlaza Vigo contra a violencia machista, xa confirmaron a súa participación nas actividades programadas un total de 24 centros de ensino secundario de Vigo. Deste xeito, contamos xa con máis de 1.200 alumnos e alumnas que van participar no acto central da campaña, a creación dun tapiz humano na rúa Urzáiz, o vindeiro día 23 de novembro, ao que convidamos a toda a cidadanía. 

A participación do alumnado non queda aquí, e os rapaces e rapazas están comezando a elaborar, con toda liberdade creativa, os carteis cos que participarán nunha grande exposición colectiva de condena da violencia contra as mulleres que se instalará na rúa do Príncipe. 

Enlaza Vigo quere ser o referente da reacción da cidadanía de Vigo contra a violencia de xénero, e co gallo do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, fai un chamamento á participación de toda a cidadanía nunha iniciativa que é un berro colectivo contra a lacra da violencia de xénero, que no que vai de ano cobrouse a vida de 37 mulleres. 

A campaña Enlaza Vigo, que organizan o Consello Municipal da Muller e a Concellalía de Igualdade de Vigo, conta, ademais, co apoio activo dun centenar de persoas coñecidas, vencelladas ao mundo da cultura, o deporte, o xornalismo ou a arte, aos que chamamos “enlaces”, e que durante a campaña irán achegando a este blog as súas mensaxes e reflexións contra a violencia de xénero

Pero Enlaza Vigo é unha iniciativa que necesita do compromiso da cidadanía en xeral, e consecuentemente este blog está aberto á colaboración de calquera persoa que desexe compartir o seu rexeitamento da violencia contra as mulleres.

9/10/12

Enlaza Vigo volverá saír á rúa contra a violencia de xénero co gallo do 25 N


Co gallo do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade de Vigo volven poñer en marcha a iniciativa Enlaza Vigo, para reflectir o compromiso real do conxunto da cidadanía no combate do terrorismo machista

O pasado ano foi a través dunha gran cadea humana, e este ano será mediante a formación dun gran tapiz humano, o xeito como a cidadanía de Vigo condenará na rúa a violencia de xénero e cantas actitudes e comportamentos machistas encerra. 

A participación cidadá na cadea humana do pasado ano foi multitudinaria, moi por enriba das nosas mellores previsións. A isto contribuíu decisivamente a presenza das alumnas e alumnos de centros de ensino secundario da cidade, así coma implicación de entidades e colectivos de todo tipo

Nesta edición de 2012, Enlaza Vigo desenvolverá diversas accións, como a creación dun tapiz humano na rúa (venres, 23 de novembro) e unha exposición colectiva realizada pola comunidade escolar. Con elas expresaremos o berro unánime de rexeitamento fronte á violencia de xénero e as tráxicas consecuencias que ocasionan as actitudes machistas. Todas estas actividades estarán coordinadas por un equipo de profesionais vinculados á animación infantil e xuvenil. 

Ademais disto, Enlaza Vigo conta coa figura do “Enlace”, persoas con capacidade de prescrición dos ámbitos da cultura, o deporte, a política, a docencia, os medios de comunicación, as redes sociais... que non so participan nas actividades previstas, senón que contribúen de xeito activo á concienciación social fronte á lacra do terrorismo machista. 

Enlaza Vigo é, en suma, unha iniciativa para promover a reacción cidadá contra a violencia de xénero. Por iso, facemos un chamamento cívico para que de novo participen nesta edición centros de ensino, asociacións de mulleres, sindicatos, asociacións veciñais, sociedades culturais, centros cívicos, centros sociais, clubes deportivos, colectivos empresariais, institucións públicas, etc.

16/3/12

Discurso da concelleira de Igualdade, Chus Lago, no final da manifestación do 8 de marzo


Cidadanas e cidadáns de Vigo!. As aquí presentes, mulleres de tódolas idades, actividades, gustos e aficións, que temos en común a veciñanza neste municipio, queremos berrar ben alto este 8 de  marzo, que estamos moi felices de ter nacido mulleres e que queremos selo en plenitude das nosas capacidades e decisións.

Tamén queremos deixar moi claro que temos o dereito a transformar e mellorar a liguaxe, do mesmo xeito que o temos para transformar as inxustizas que nos fan invisibles.

Estes días estamos a vivir un renovado debate sobre a visibilidade das mulleres na lingua, no que os Académicos teiman en considerar innecesario nomear en feminino o que ao feminino lle corresponde.

As palabras no só representan a realidade. As palabras constrúen a realidade.

Son causa e efecto. Ningunha das súas posibilidades é excluínte da outra.

Cando as palabras representan  a realidade, atopámos polo xeral unha lengua masculinizada onde predomina o xenérico masculino  e onde os nomes das cousas, os adxectivos que as califican, se admiten desde esa única óptica.

Pero cando as palabras construén a realidade, poden e deben facelo tamén en feminino,  ou en perspectiva de xénero, porque é preciso cambiar esta ideología  patriarcal, inxusta e opresora, que nos quere imponer como correcto e inamovible “o tradicional”, “o que sempre foi así”, desde unha única e totalitaria maneira de entender o mundo.

Pois NON estamos de acordo.

Se a lingua non fose algo vivo e dinámico non existirían palabras coma nanociencia, física cuántica, ou mesmo poesía, porque calquera dos múltiples conceptos que hoxe utilizamos para nos comunicar teñen a súa historia, naceron nun determinado momento e responderon a unha realidades que os propiciou.

A palabra poesía –o poêsis grego- nace para identicar a manifestación da beleza ou do sentimento estético a través da palabra tanto en verso coma en prosa. O seu significando foi mudando co paso do tempo, pero en todo caso, naceu alguna vez como consecuencia do avance civilizatorio e da evolución da humanidade.

¿É que acaso este devir histórico foi freado por algunha autoridade suprema que decide que non poden nacer novas palabras para se adaptar a novos feitos?...

Só triunfaremos se non nos esquecemos de aprender”, deixou dito a líder socialista alemana Rosa Luxemburgo. El asegúrovos que por nós, mulleres viguesas, pioneiras e a vangarda na loita polos nosos dereitos, non deixaremos de aprender nin nos imos esquecer do xa aprendido, nin do xa conseguido ao noso favor nos últimos anos e despois de tanto esforzo.

Ningúen poderá privarnos do dereito á palabra para denunciar un abuso ou para renomear unha profesión ou para crear un novo concepto…

E ningúen nos arredará no afán por seguir construindo unha sociedade mellor e máis xusta.

Porque, mulleres de Vigo, somos cidadanas con plenos dereitos  ¡e os imos exercer!

Manifesto do Consello Municipal da Muller de Vigo


Texto íntegro do Manifesto aprobado polo Consello Municipal da Muller de Vigo con gallo do Día Internacional das Mulleres

Este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo, como organismo unitario no que ten representación o conxunto do movemento feminista e de mulleres desta cidade, convocamos esta manifestación do 8 de marzo Día internacional das mulleres baixo o lema "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”.

Esforzámonos para que:

A manifestación do 8 -e os actos vinculados a esta efeméride- reflectisen as accións que vimos desenvolvendo as 23 organizacións de mulleres que integramos o Consello Municipal da Muller, dende hai xa case 20 anos.

Para que hoxe o protagonismo fose en exclusiva das mulleres, das súas organizacións e das súas reivindicacións.

Para que a única simboloxía visíbel nesta manifestación fose a feminista; que a cor lila, a cor que nos identifica, tinguise as rúas da nosa cidade, porque aínda que todos os días debemos ter presente a loita pola Igualdade, neste 8 de marzo, Día internacional das mulleres lembremos o esforzo de todas as mulleres: das pioneiras, porque sen elas, e sen as súas loitas non teriamos conquerido os dereitos que hoxe aproveitamos, asumindo o papel tan importante que desenvolveron no avance social, económico, cultural e político.

Lembramos tamén hoxe a todas mulleres que seguen loitando dunha maneira anónima -individual ou colectivamente- co seu traballo, coa  súa sabedoría e coa sua rebeldía, e que se comprometen con que esta sociedade sexa cada día máis igualitaria e polo tanto máis democrática.

Hoxe temos diante de nós un panorama moi preocupante. A crise estrutural do sistema, e os que nos situaron ao borde do colapso, pretenden agora sacarnos del cargando sobre as costas das persoas máis desfavorecidas o custo da súa avaricia.

Encamíñannos cara a un futuro onde as desigualdades cada vez son máis profundas. Unha parte moi importante da pobación vive en situación de pobreza e as mulleres especialmente.

A reforma laboral e das pensións son lexislacións inxustas e androcéntricas, xa que toman o varón como modelo universal,  pero entre mulleres e homes segue a existir un inmenso desfase en canto aos dereitos.

As diferenzas salariais entre mulleres e homes  persisten, situándose nun 22%; temos unha maior taxa de temporalidade e unha inserción máis tardía no mercado laboral, realizamos cada vez máis traballos na economía sumerxida, sumado ao non reparto das tarefas do fogar e a feminización do coidado de fillas e fillos e de persoas dependentes. Todo isto afecta de maneira directa ao tempo de cotización e a unha menor contía das pensións, o que dificultará o direito a cobrar o 100% das prestacións mesmo traballando ata os 67 anos.

Insistimos para que neste contexto de crise, precariedade e desigualdade, a verba austeridade non sexa empregada como  escusa e ferramenta perfeita para recortar dereitos.

Porque nestes últimos tempos, independentemente da cor dos gobernos, fomos padecendo:
-Recortes nos orzamentos adicados á igualdade e á conciliación da vida familiar e laboral.
-Eliminouse o Servizo Galego de Igualdade e o Ministerio de Igualdade,… .

Pero toda esta austeridade non é homoxénea porque, por outra banda, florecen con cargo a orzamentos públicos, organizacións privadas con ánimo de lucro que revitalizan as ideas de beneficencia e caridade como modelo de proteción social.

Leis como a protagonizada pola organización “red Madre” e a Lei de familia que socavan as conquistas acadadas pola loita feminista nos dereitos das mulleres, porque coa súa ideoloxía retrógrada, recuperan a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital das mulleres, impoñendo o control sobre a súa vida sexual e, a fin de contas, negando a liberdade de elección das mulleres.

Entendemos que a reforma da Lei do aborto supón un banzo máis no retroceso na igualdade de xénero, ao non recoñecerse o dereito das mulleres a decidir libremente.

Porén, non observamos unha determinante política contra o  terrorismo machista que segue sumando día a día máis mulleres asasinadas, mostra dun patriarcado brutal que en todas as facetas sociais nos segue a considerar cidadás de segunda categoría.

Non aprezamos ese compromiso serio coa cacarexada “tolerancia zero”. Queremos algo máis que xestos simbólicos para as fotos dos xornais. As institucións non se están comprometendo a aplicar os artigos que lles competen das leis de igualdade nin de violencia de xénero, contra esta lacra do machismo.

A pesar de termos sido silenciadas ao longo da nosa historia, as mulleres temos avanzado moito e demostrado a nosa competencia en todos os ámbitos: na ciencia, na cultura, na economia, no deporte, na política. Pero aínda estamos moi lonxe das esferas de poder.
Mais o avance da nosa consciencia cidadá, o empeño na nosa autoorganización e consciencia feminista, para estender os nosos éxitos ao conxunto da cidadanía, ESE é o verdadeiro éxito do noso movemento. E os progresos do movemento son imparábeis, imparábeis porque desde o século XVIII, en que as primeiras  ilustradas avogaban pola igualdade de dereitos, conseguimos moito, pero aínda nos queda moito por conquistar.

Hoxe é un día de celebración para as organizacións de mulleres, pero tamén para que todo o pobo entenda que as sociedades máis democráticas son as sociedades máis igualitarias. 

Para recordar isto, as organizacións de mulleres, as organizacións feministas seguiremos traballando unidas, como conciencia social, para non dar nin un só paso atrás nos dereitos xa conquistados, porque é unha cuestión de xustiza social.
O feminismo é a clave desta xustiza social, hoxe máis necesario ca nunca.

Por iso desde o Consello Municipal da Muller de Vigo eliximos este lema: Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo.

Viva o 8 de marzo, viva a loita das mulleres.

8/3/12

Pleno específico do Consello Municipal da Muller de Vigo con gallo do Día Internacional da Muller


O Salón de Plenos do Concello de Vigo acolleu está mañá un Pleno do Consello Municipal da Muller con gallo do Día Internacional das Mulleres

No pleno estiveron presentes todas as asociacións que constitúen o Consello. Dez, foron as entidades que interviron para expoñer as súas propostas para facer de Vigo unha cidade máis igualitaria. O pleno estivo presidido pola concelleira de Igualdade, Chus Lago Rey, acompañada de Iolanda Veloso Ríos e Mª Xosé Porteiro García, responsables da área de Muller ou Igualdade en anteriores gobernos municipais.

Chus Lago manifestou no decurso do pleno que "tal vez pareza innecesario lembrar por qué estamos aquí celebrando este acto institucional porque o 8 de marzo xa é unha efeméride absolutamente coñecida e recoñecida como Día internacional da muller, que empezou estando adicado ás mulleres traballadoras e que xa, por extensión, inclúe a tódalas mulleres de tódalas condicións e de calquera lugar do mundo. Pero coido que procede lembrar que neste ano 2012, a conmemoración foi adicada a "Habilitar as mulleres campesiñas para rematar coa fame e coa pobreza". Son, probablemente, as máis vulnerables. As máis descoñecidas. As máis invisibilizadas."

6/3/12

Manifestación o 8 de marzo, as 20.00h dende a Farola de Urzaiz


Convocan as 23 organizacións que conforman o Consello Municipal da Muller
 
Este ano, o Consello Municipal da Muller de Vigo, como símbolo da unidade do conxunto do movemento de mulleres nesta cidade, imos convocar a manifestación o xoves día 8 de marzo baixo o lema: "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", que sairá ás 20:00 h da Farola de Urzaíz e rematará na praza da Constitución.

Queremos que nesta manifestación, encabezada polo conxunto das 23 organizacións de mulleres que formamos parte do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade, a única simboloxía visibel sexa en exclusiva feminista, coa cor lila que é a que nos identifica, para isto repartiranse pegatinas e pancartas de man en cor lila con diferentes lemas acordados de forma unitaria entre todas as organizacións que formamos parte da comisión de organización deste 8 de marzo.

Facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que se implique e participe nesta manifestación demostrando que a cidade de Vigo somos pioneiras na loita pola igualdade como demostramos o 25 de novembro coa cadea humana "EnlazaVigo" contra a violencia de xénero.

8 de marzo: manifestación polos dereitos das mulleres


Co gallo do Día Internacional das Mulleres, o Consello Municipal da Muller de Vigo convoca a toda a cidadanía a participar nunha manifestación polos dereitos das mulleres, o vindeiro xoves, día 8, ás 20:00 horas. Para reafirmar aínda máis o seu carácter reivindicativo en prol das mulleres, convida ás persoas participantes a portar nela simboloxía feminista.

A praza da farola de Urzáiz será o punto de encontro da cidadanía para iniciar a manifestación que, baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”, percorrerá diversas rúas viguesas ata a praza da Constitución. Ao seu termo, as integrantes do Consello Municipal da Muller lerán un comunicado coas reivindicacións desta xornada.

Para facer chegar á cidadanía este evento, o Consello Municipal da Muller está a levar a cabo unha campaña informativa que inclúe o reparto de 20.000 folletos e 5.000 pegatinas distribuídos en todos os barrios da cidade, así como en entidades veciñais e outros colectivos sociais.

2/3/12

Festa pola igualdade, mañá, no Casco Vello

A fachada da Casa da Cultura, no Casco Vello, luce xa a imaxe da campaña pola igualdade que realiza este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. Desde esta tarde, a praza da Constitución prepárase para acoller mañá, sábado 3 de marzo, unha festa co obxectivo de gozar dunha xornada de convivencia e de reivindicación, e para o xoves 8 de marzo está prevista una manifestación que sairá ás 20:00 h desde a praza da farola de Urzáiz e descorrerá ata a praza da Constitución baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”

As actividades previstas na praza da Constitución desenvolvenranse desde as 13:00 ás 19:00 h. e inclúen actuacións musicais para todos os gustos. Así, esta céntrica praza transformarase nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral. A música soará de xeito ininterrumpido durante seis horas. 

Ás 13:00 horas actuará a banda “Unión Musical de Valladares”, unha formación musical con máis de 100 anos de historia que acadou ao longo da súa traxectoria importantes galardóns. A súa escola de música conta, na actualidade, con máis de cen alumnos e alumnas. 

A música na praza da Constitución seguirá pola tarde, a partir das 16:15 h. coa actuación de iRiAmc & Mariah!, dúas mozas galegas artistas do hip hop. Ás 16:30 h dará comezo a actuación do grupo de música tradicional “Arroutadas”, composto por catro mozas viguesas, e ás 17:30 h actuará a cantante soul AYSHA. E para rematar, ás 18:00 h, AID, firme valor do rap, ofrecerá un concerto. 

1/3/12

O Consello Municipal de Vigo convoca a manifestación do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres



Este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo, como símbolo da unidade do conxunto do movemento de mulleres nesta cidade, imos convocar a manifestación o xoves día 8 de marzo baixo o lema "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", que sairá ás 20:00 h da Farola de Urzáiz e rematará na praza da Constitución. 

Queremos que nesta manifestación, encabezada polo conxunto das 23 organizacións de mulleres que formamos parte do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade, a única simboloxía visíbel sexa en exclusiva feminista, coa cor lila que é a que nos identifica. Para isto repartiranse pegatinas e pancartas de man en cor lila con diferentes lemas acordados de forma unitaria entre todas as organizacións que formamos parte da comisión de organización deste 8 de marzo.

Facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que se implique e participe nesta manifestación demostrando que a cidade de Vigo somos pioneiras na loita pola igualdade, como demostramos o 25 de novembro coa cadea humana "EnlazaVigo" contra a violencia de xénero.

29/2/12

Concurso de Microvídeos polo Día Internacional das Mulleres

Desde o 1 ao 31 de marzo está aberto o prazo para participar na convocatoria do Concurso de Microvídeos. As bases están disponibles no espazo web www.igualdadevigo.org/concursovideos <http://www.igualdadevigo.org/concursovideos>      




                                                                                                     

20/2/12

Actos conmemorativos do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres


Baixo o lema "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", o Consello Municipal da Muller celebrará este ano o día 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.

Os actos conmemorativos terán lugar en dúas datas, o sábado día 3, e o mesmo día 8. Deste xeito, o sábado día 3 haberá unha Festa polo Día Internacional das Mulleres, con espectáculos de animación na rúa e un concerto de música rap, a cargo de AÍD. A cita será na Praza da Constitución, desde as 13:00 horas ás 19:00 horas.

Para o día 8 de Marzo, xoves, o Consello Municipal da Muller de Vigo convoca a toda a cidadanía a participar nunha manifestación polos dereitos das mulleres. Para reafirmar aínda máis o seu carácter reivindicativo en prol das mulleres, convida ás persoas participantes a portar nela simboloxía feminista. A manifestación sairá ás 20:00 horas desde a farola de Urzáiz e rematará na Praza da Constitución.

Ao longo do mes de marzo, ademais, desenvolveranse outras actividades complementarias, como son dúas proxeccións de cine infantil no Verbum-Casa das Palabras (os domingos 11 e 18), e a proxección do documental "As silenciadas", que terá lugar no MARCO o vindeiro día 13 de marzo.

14/2/12

Vídeo da cadea humana EnlazaVigo 25 de novembro de 2011


A Concellería de Igualdade está a difundir as imaxes da cadea humana que se desenvolveu en Vigo o 25 de novembro de 2011 na súa canle de Youtube:
https://www.facebook.com/igualdadevigo