24/10/11

Razóns polas que a Lei de Violencia de Xénero precisa dunha ampla reforma

Di o xornal El País nunha reportaxe publicada hoxe que, tras seis anos de aplicación, a eficacia da lei integral de Violencia de Xénero está ameazada. E, a través de distintas opinións, entre elas a da xuíza Inmaculada Montalbán, presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero, vai desgranando e analizando as "gretas na loita contra o machismo" que, segundo a maioría dos expertos, fan necesaria unha ampla reforma da lei.

Cales son estas gretas?
1.- Falla a base mesma da lei, a prevención, porque non se ten trasladado o combate contra o machismo a colexios e institutos.
2.- Falla a actitude dunha parte da xudicatura ante o espírito da lei, que se pon de manifesto en torno á expresión "causa de dominación".
3.- Fallan tamén as propias vítimas, moitas das cales non se ratifican na denuncia.
4.- Falla a valoración do risco por parte da Policía e da Garda Civil
 Por un compromiso real contra a Violencia de Xénero. EU VOUME ENLAZAR, E TI?

Éxito da convocatoria de rodas de homes contra a Violencia de Xénero

O Congreso Iberoamericano de Masculinidade e Equidade: Investigación e Activismo (CIME 2011) aproba a “Declaración de Barcelona: Axenda dos homes pola igualdade”
Roda de hombres en Santander contra a violencia machista. Foto: Concello de Santander.
O pasado venres, 21 de Outubro, para conmemorar a primeira manifestación de homes contra a violencia machista que se fixo en Sevilla en 2006, persoas de máis dunha trintena de pobos e cidades de España participaron nas denominadas “rodas de homes contra a violencia machista”. Neste día, as persoas que asistiron fixeron un chamamento público para a participación nos actos do 25 de Novembro, Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

Pero, ademais, este ano a data coincidiu practicamente coa celebración en Barcelona do Congreso Iberoamericano de Masculinidade e Equidade: Investigación e Activismo (CIME 2011), no que se aprobou a denominada “Declaración de Barcelona: Axenda dos homes pola igualdade”, co seguinte texto (a tradución é de EnlazaVigo):
“Algúns dos aspectos nos que os homes pola igualdade coincidimos e que poden formar parte da nosa axenda común hoxe son, entroutros:
1. Rexeitamos o exercicio do poder patriarcal e renunciamos aos privilexios que del se derivan.
2. Denunciamos todas as formas de violencia machista hacia as mulleres, fomentando a revisión crítica do sexismo interiorizado e desenvolvendo un traballo de sensibilización e prevención desta violencia entre os homes; apostando pola defensa dos Dereitos Humanos e a resolución pacífica dos conflitos.
3. Así mesmo, rexeitamos outras violencias machistas (bulling, homofobia, transfobia).
4. Promovemos a corresponsabilidade dos homes e os coidados compartidos, con especial referencia á responsabilidade dos homes no noso propio coidado e no das personas dependentes e maiores, apoiando medidas de conciliación da vida laboral e personal.
5. Impulsamos a paternidade activa e responsable, fomentando a implicación dos pais e na mellora das habilidades para a crianza, sendo incluidos nos cursos de preparación ao parto, primeiros coidados e coidado da nai. Neste sentido, reivindicamos que os permisos de maternidade e paternindade sexan iguais, intrasferibles e pagados a cargo da Seguridade Social ao 100 por cento do salario.
6. Apostamos pola coeducación na comunidade educativa para transmitir valores que axuden a medrar, tamén aos mozos, como axentes activos de igualdade. Esto ten que servir para previr o abandono escolar, as condutas disruptivas, o maltrato entre o alumnado e as actitudes machistas que rematan perxudicando a formación da poboación adolescente.
7. Apostamos por unha linguaxe igualitaria, que non represente nin sosteña o modelo de dominación sexista.
8. Defendemos as cuotas paritarias e de presenza de mulleres e homes, tanto nos cargos de responsabilidade pública e empresarial, como en tarefas de coidado e ensinanza.
9. Recoñecemos os diferentes xeitos de ser home, así como os dereitos cívicos e humanos das distintas expresións da sexualidade, superando a patoloxización, a homofobia e a transfobia.
10. Revisamos as expresións da nosa sexualidade baseadas no dominio, para gozar dunha sexualidade libre, respectuosa e consentida. Manifestámonos, por conseguinte, en contra da trata de seres humanos vencellada á prostitución e á explotación sexual de menores.
11. Propiciaremos a millora da saúde física e emocional dos homes, visibilizando os custes dos xeitos dañinos de ser home, que reducen a nosa esperanza e calidade de vida, ademais de xenerar graves problemas de saúde pública.
Como fase inicial desta axenda común, propoñemos concentrar e coordinar estratexias, campañas e accións e torno a dúas datas:
  • 21 de Outubro, cabodano da primeira manifestación de homes contra a violencia machista celebrada en Sevilla en 2006 e que, dende entón serviu para agrupar aos homes contra esta violencia en todo o Estado español, e movilizalos á participación nos actos do 25 de Novembro, Día Internacional de Erradicación da Violencia contra as Mulleres.
  • 19 de Marzo, recollendo a idea dos compañeiros de Xerez, celebrar o “día do pai igualitario” e de promoción da paternidade plena, coidadora e responsable. Esta data concentrará as nosas accións a favor dos coidados compartidos e a paternidade corresponsable, reivindicando os permisos de maternidade e paternidade iguais, intransferibles e pagados a cargo da Seguridade Social ao 100 por cento da base.
Estas datas concretas son unha referencia aberta a novas propostas e acordos por parte dos homes pola igualdade. Do mesmo xeito poderemos quizáis no futuro engadir outras.
E propoñemos avanzar cara unha coordinación que sume sinerxias e forzas, ofrecendo unha mensaxe máis nidia á sociedade, aos homes e ás Administracións públicas. Deste xeito, poderemos presentar as nosas propostas, que agardamos que se materialicen en forma de reformas, medidas e políticas con homes, necesarias para erradicar a desigualdade de xénero das nosas vidas e da sociedade.
Queremos aproveitar a celebración do Congreso Iberoamericano de Masculinidades e Equidade para que o movemento de homes pola igualdade dea un paso adiante en canto a coordinación e proxección social. Queremos que máis homes coñezan e compartan as nosas propostas, avanzando en canto a nosa incidencia entre a poboación masculina, algo imprescindible cara á necesaria transformación social que temos pendente no noso país”.
Barcelona, 8 de Outubro de 2011
Webs de referencia:


FIGA critica a cegueira institucional e social coas víctimas do machismo, moitas máis que as de ETA

Feministas Independentes Galegas, (FIGA) quere expoñer a súa indignación ante os criterios adoptados polo Goberno, Institucións políticas, Partidos, Asociacións e demais compoñentes políticos e sociais, ante a declaración do cese da violencia etarra.

Puidemos ler e escoitar declaracións deste tipo:

É o fin dunha vida incerta, insegura.
Nace un novo tempo político.
Punto final do pesadelo
Cese da violencia que foi a aspiración da sociedade española durante décadas.
A democracia termina por triunfar sobre os fanáticos que sementaron o terror.
Non haberá un guarda civil, un político, un empresario, un obreiro... máis, asasinado.
Agora é o momento da esperanza e da memoria.

A metade da humanidade, as mulleres, que SOMOS HUMANAS, aínda que non sexamos consideradas coma tal, ao ler e escoitar declaracións deste tipo, sentímonos desfechadas e ofendidas. Ignoran as autoridades o peor flaxelo que padece esta sociedade, a persecución, a dor, o sufrimento das mulleres. Non teñen en conta o número de mulleres asasinadas a cotío polos seus esposos ou compañeiros. Prescinden das criaturas asasinadas polos propios pais ou padrastos, para vingarse das nais.

De que democracia ousan falar?

As víctimas de Eta, mereceron grandes pompas fúnebres, e mesmo leis que os amparen e perpetúen a súa dor.

As víctimas do terrorismo patriarcal, só merecen UN MINUTO DE SILENCIO diante dos seus respectivos concellos. Despois, o seu nome pasa ao anonimato.

Son víctimas do poder masculino, do dominio que, en maior ou menor medida, exercen todos os homes sobre as SÚAS mulleres. Estes criminais non pertencen a unha organización armada nin a un ideario particular; pertencen a un sistema universal chamado patriarcado, un comportamento que se sucede desde os primates aos homes actuais, e que se foi adaptando a todos os sistemas e épocas, favorecido polas relixións, os sistemas reaccionarios e os beneficios e privilexios que obteñen del todos e cada un dos homes. 

Paréceme escoitar as protestas: non todos os homes se comportan así! Certo. Non o fan. Algúns porque son pacíficos e conciliadores; algúns porque se solidarizan coas compañeiras. Pero, en xeral, débese á necesaria complementariedade:

Frente á dominación é precisa a submisión.

A supervivencia, o instinto de conservación das mulleres levounas a agacharse, tras dos burcas ou tras un “hai que sabelo levar”. Cando as esposas- esposadas se rebelan, se enfrentan ou pensan en fuxir, acostuma saír a fera patriarcal instalada no sistema límbico dos cerebros masculinos.

Como é posible que homes amantes da liberdade, da xustiza, da solidariedade humana, diríamos, non se alporicen ante tanto crime contras mulleres e só consideren as víctimas masculinas e públicas?

Mellor que falar de perversión e misoxinia deliberadas, será constatar a CEGUEIRA. Resulta que as mulleres paren homes incapacitados para ver, para considerar persoas e cidadás ás mulleres, mesmo se viven, se alimentan, gozan, se empoderan,  reciclan e perpetúan, grazas a elas. Así é. Non as ven. Por iso, cando as violan, maltratan e asasinan, non as contan, nin as reputan nin as respectan.

A división, unha liña sempre imprecisa, entre dereitas e esquerdas, neste caso non conta en absoluto.

Desde o ano 2003 temos estatísticas do número de crimes cometidos contra as mulleres, no núcleo sentimental, na sacrosanta familia, no espacio do amor e do apoio mutuo.

Desde o ano 2003 Eta matou 16 persoas. No mesmo período foron recoñecidas como asasinadas con diferentes métodos 617 mulleres. Desde que Eta cometeu o 1º atentado, o machismo acabou coa vida de 3.060 mulleres, contando a unha media de 60 por ano.

Sigan facendo contas. Saian de España a Europa, EEUU, Canadá, os países “democráticos”. Recorran despois Asia e América do Sur. Intérnense no inferno feminino africano e sumen. Sintan como se lles quebra a calculadora, como as cifras gritan e desbordan o contable, o concibible. Despois disto, se afirman que as mulleres somos humanas, digan se poden durmir tranquilamente.

Poderán. Xa verán como non falan desta masacre nos mitins electorais.

María Xosé Queizán   Presidenta de FIGA