6/3/12

Manifestación o 8 de marzo, as 20.00h dende a Farola de Urzaiz


Convocan as 23 organizacións que conforman o Consello Municipal da Muller
 
Este ano, o Consello Municipal da Muller de Vigo, como símbolo da unidade do conxunto do movemento de mulleres nesta cidade, imos convocar a manifestación o xoves día 8 de marzo baixo o lema: "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", que sairá ás 20:00 h da Farola de Urzaíz e rematará na praza da Constitución.

Queremos que nesta manifestación, encabezada polo conxunto das 23 organizacións de mulleres que formamos parte do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade, a única simboloxía visibel sexa en exclusiva feminista, coa cor lila que é a que nos identifica, para isto repartiranse pegatinas e pancartas de man en cor lila con diferentes lemas acordados de forma unitaria entre todas as organizacións que formamos parte da comisión de organización deste 8 de marzo.

Facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que se implique e participe nesta manifestación demostrando que a cidade de Vigo somos pioneiras na loita pola igualdade como demostramos o 25 de novembro coa cadea humana "EnlazaVigo" contra a violencia de xénero.

8 de marzo: manifestación polos dereitos das mulleres


Co gallo do Día Internacional das Mulleres, o Consello Municipal da Muller de Vigo convoca a toda a cidadanía a participar nunha manifestación polos dereitos das mulleres, o vindeiro xoves, día 8, ás 20:00 horas. Para reafirmar aínda máis o seu carácter reivindicativo en prol das mulleres, convida ás persoas participantes a portar nela simboloxía feminista.

A praza da farola de Urzáiz será o punto de encontro da cidadanía para iniciar a manifestación que, baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”, percorrerá diversas rúas viguesas ata a praza da Constitución. Ao seu termo, as integrantes do Consello Municipal da Muller lerán un comunicado coas reivindicacións desta xornada.

Para facer chegar á cidadanía este evento, o Consello Municipal da Muller está a levar a cabo unha campaña informativa que inclúe o reparto de 20.000 folletos e 5.000 pegatinas distribuídos en todos os barrios da cidade, así como en entidades veciñais e outros colectivos sociais.