13/10/11

A sociedade é complice dos asasinatos machistas se non condena tamén condutas discriminatorias, vexacións, desprezos e faltas de respecto ás mulleres

Comunicado da rede feminista Marcha Mundial das Mulleres lido hoxe pola tarde na concentración fronte ao MARCO contra a Violencia de Xénero

Hoxe atopámonos aquí reunidas para repudiar o asasinato de Cristina González Sacau. Unha muller nova, de 39 anos, chea de vitalidade e con dous fillos que agora deixa orfos.

O crime non foi no metro dunha cidade perigosa de Estados Unidos, nin nas caóticas rúas de México DF. Como case sempre que unha muller é asesinada, foi na súa casa, en Coruxo, na parroquia onde vivía. O asasinato non foi por un axuste de contas entre narcotraficantes, nin durante un atraco levado a cabo por unha banda do Leste, nin durante un enfrontamento entre bandas latinas. Foi, como case sempre, un crime machista; como case sempre, o perigo viu da man dunha das persoas máis próximas, o seu marido ata hai uns meses. Non foi un perigoso sicario, senón un carpinteiro, Francisco, que levaba unha vida “normal”, que non era percibido polos veciños, e pode que nin sequera por Cristina, como unha ameaza. Seguía pasando por casa a pesar da separación, seguía mirando aos nenos…

Cristina nunca o denunciara por malos tratos, pero era Francisco un maltratador? Ninguén diría dun etarra despois de cometer un asasinato que non era un terrorista, ou que foi un momento de ofuscación. Todo o mundo pensaría que o asasinato foi consecuencia dunha ideoloxía. No entanto, nos crimes por violencia machista –se non é demasiado evidente o maltrato continuado, e se non hai denuncias previas – comeza a desligarse o crime da ideología que o provoca.

Analízase caso por caso, individualmente, buscando desesperadamente a orixe dese “arrebato”. Todo para non ter que recoñecer que os crimes son a consecuencia dunha sociedade machista na que existe, pese aos avances acadados nas últimas décadas en prol da igualdade de xénero, un desfase brutal entre a necesidade das mulleres de decidir por se mesmas e a incomprensión masculina ante a perda do poder. É máis doado pensar que foi un “calentón” que  asumir que é a consecuencia dunha mentalidade machista, dunha forma perversa de entender a relación entre homes e mulleres, non só nas parellas máis vellas senón tamén en parellas novas e adolescentes.

Francisco erixiuse como titular do dereito de propiedade sobre Cristina, e como tal propietario, decidiu arrebatarlle a vida. Non coñecíamos a Francisco antes do crime. Non sabemos se poderíamos telo identificado previamente como un maltratador. Hai tanto machismo na realidade cotián, tanto maltrato subliminal, que nin sequera o percibimos como maltrato; e se o percibimos, convivimos con el sen que nos asuste; asumimos unha dose cotiá de machismo que case nos inmuniza. Tratamos de que nos afecte o menos posible, porque a batalla diaria e cotiá é esgotadora.

As mulleres deixamos de “dar a vara” moitas veces para non parecer o “Pepito Grillo” feminista; por non andar sempre enfadadas polo que algúns denominan tonterías; por non ser acusadas de falta de sentido do humor ante as gracietas e bromas machistas; por non parecer que levamos a vara de medir as desigualdades entre os nosos complementos…

Os homes deixan de loitar contra o machismo moitas veces por non deixar en evidencia a un “colega”; por non rachar esa solidariedade de xénero entre homes; por non parecer os aliados dunha causa que pode debilitar o seu poder; porque pensan moitas veces que “non é un problema deles”.

Pero un día ese machismo sobrepasa o límite, sae á superficie e vemos as peores consecuencias. Un día tras outro o machismo mata, e a sociedade ten que asumir a súa complicidade nestes crimes. Non vale encollerse de ombros e pensar que non se puido facer nada porque a vítima non o denunciou; culpabilizándoa en certa medida.

A responsabilidade do Estado, das institucións, da clase política, non é menor por moito que se escuden en que a vítima non tiña ningunha denuncia nin orde de alonxamento. Son reponsables por crear leis baleiras de contidos económicos que permitan poñer en práctica os protocolos recollidos nas mesmas. Responsables por aproveitar a crise para desmantelar programas e servizos a prol da igualdade; para eliminar ou recortar servizos sociais importantes para as mulleres vítimas da violencia machista; para reducir os orzamentos en educación, piar básico para concienciar e traballar en prol da igualdade entre homes e mulleres, etc. etc.

A denuncia, desafortunadamente, tampouco garante a seguridade das vítimas. A Policía, a Xustiza, as institucións, non son quen de poñer todos os recursos necesarios para facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están sufrindo. Pero non nos enganemos. Nin as leis nin os tribunais poden solucionar todo. Non daríamos abasto para denunciar, xulgar e castigar nos tribunais tantas pequenas e grandes agresións. A Xustiza non pode xulgar todos os comportamentos, as predisposicións, os valores e as actitudes machistas, pero a sociedade si. E é a sociedade quen ten que comprometerse nesta loita contra a violencia machista. Non vale con moverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Todas as persoas que estamos aquí hoxe, e moitas que non están, condenamos este acto pola súa brutalidade e fatal desenlace; pero temos que ser conscientes de que a este tipo de accións sempre lle acompañan condutas que igualmente teñen que ser condenadas dun xeito unánime e sen fisuras por toda a sociedade.

Condutas discriminatorias, vexacións, desprezos, maltrato psicolóxico, falta de respecto, insultos, abusos… son síntomas desta mesma violencia que hoxe temos que lamentar coa súa faciana máis amarga, na morte de Cristina González Sacau. Temos que ter intolerancia total ante as desigualdades, debémosllo a Cristina e a todas as mulleres mortas por causa da violencia de xénero, debémosllo a todas as mulleres, á nosa sociedade, ás futuras xeracións e a nós mesmas para poder vivir con dignidade e con respecto a nosa natureza: somos mulleres e non é xusto morrer por selo.

Hoxe só quedan lamentos, pero tamén hoxe é un día para a esperanza de que Cristina González sexa a última asasinada por cuestións de xénero. É traballo de todas e todos que así sexa, e así debemos camiñar na nosa vida privada e pública, condenando as condutas machistas e esixindo ás administracións a súa responsabilidade social e xurídica para garantir a cobertura necesaria ás vítimas de maltrato e así, entre todas, asegurar o fin dos asasinatos.

Debémoslle a Cristina, e a cada unha das outras mulleres asesinadas, agredidas, violadas, humilladas, e ás fillas e fillos desas mulleres o noso compromiso firme e decidido contra a Violencia de Xénero.

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS.

O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.
(E agora vamos gardar un minuto de silencio en memoria de Cristina).

Pola responsabilidade social na Violencia contra as Mulleres

Estamos a sufrir unha semana negra para a Violencia de Xénero polo asesinato de tres mulleres a mans das súas parellas ou exparellas en Vigo, Lanzarote e Avilés. Nun prazo de 72 horas, a Violencia Machista cobrouse tres novas vítimas.

Os tres asesinos están detidos pero cando se producen comportamentos violentos, agresivos e abusivos contra as mulleres non podemos pechar os ollos. Existe unha responsabilidade social no delito de violencia contra as mulleres? A resposta é que si, como existe e xa quedou demostrada, unha responsabilidade de colaboración cidadá para a loita contra outros tipos de delincuencia.

É importantísimo que a sociedade saiba que a violencia contra as mulleres é un delito público. Non é un conflicto privado entre dúas persoas. Polo tanto, a sociedade, a través dos mecanismos dispostos pola lei, ten a responsabilidade de loitar contra ese delito. A resposabilidade social indícanos que nos casos de violencia contra as mulleres a protección da vítima debe estar por enriba de calquera outra consideración. Hai que avisar inmediatamente. E se mañá está morta?

Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero. Eu voume enlazar, ¿e ti?

O machismo mata


Escrito por María Xosé Queizán, escritora e feminista

O odio contra as mulleres, a misoxinia, non acaba.
Os sistemas relixiosos, políticos e económicos arremeten contra nós.

A relixión considérase dona da moral e dos nosos órganos reproductores, e pretende regular o sexo, as maternidades, á marxe da nosa vontade. Non se alporiza, pola contra, dos millóns de mutilacións xenitais que se levan a cabo no mundo. O grito feminista “Dereito ao propio corpo!” segue a ser indispensable.

O Goberno da Xunta de Galicia está favorecendo o poder eclesiástico coa Lei de Familia e os apoios á Rede Madre, poñendo os úteros das mozas desfavorecidas economicamente e as súas criaturas a disposición dos criterios das monxas.

As mulleres realizan a maioría do traballo do mundo, pero as decisións laborais, os empregos asalariados, danlle preferencia aos homes. Os Consellos de Administración son xuntanzas machistas. Corruptos, repártense millóns pensando que as mulleres debemos compartir receitas de cociña, biberóns, zapatos de tacóns e ansiolíticos.

Na representación artística, no cine, na tele, na publicidade, as mulleres son obxectas de uso e abuso, visual, táctil, onde se alenta o sadomasoquismo machista.

As violacións, malleiras e asasinatos das mulleres, así como os incestos coas criaturas son sistemáticas. Transcenden o privado para seren terrorismo machista.

Temos unha Lei de Igualdade e unha Lei contra a Violencia de Xénero que non se cumpren. Son masacradas, apuñaladas brutalmente, zorregadas, queimadas, tiroteadas, atropeladas, lanzadas polo balcón... polos seus machos, incesantemente, sen que iso sexa considerado problema de Estado.

Cada muller asasinada só merece das autoridades UN MINUTO DE SILENCIO. 

Cadea humana para condenar enerxicamente o machismo e o asasinato de mulleres

Concentración ante o Concello, o pasado 12 de outubro, en repulsa do asasinato de Cristina González en Vigo.
O 25 de Novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O Consello Municipal da Muller propón que ese día a cidadanía de Vigo participe dun xeito masivo nunha cadea humana para expresar con contundencia a condena do machismo e da violencia contra as mulleres como unha das súas consecuencias máis dramáticas.

Para acadar este obxectivo, o Consello Municipal da Muller reclamará a implicación e participación de case 200 institucións e organizacións da cidade, así como a adhesión particular da cidadanía a través das redes sociais e de diferentes accións de promoción e chamamento.

A convocatoria da cadea humana “Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero” foi acordada pola Comisión do Consello Municipal da Muller o pasado día 10 de Outubro.

Só un día despois, en Vigo foi asasinada Cristina González, veciña da parroquia de Coruxo, a mans do seu exmarido, Francisco Rafael Álvarez Martínez. Apenas unhas horas máis tarde, outras dúas mulleres foron asasinadas, unha en Lanzarote e outra en Avilés.

No que vai de ano, son xa 51 as mulleres asasinadas polo machismo en España, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Dende que que se levan as estatísticas, en 2003, as mulleres asasinadas en España por violencia de xénero son 594.

Neste espazo da rede informaremos sobre todas as xestións que se estean a realizar cara a formación desa gran cadea humana que represente o clamor da cidadanía contra a Violencia de Xénero e a esixencia a todos os poderes públicos, medios de comunicación e sociedade en xeral dun compromiso real e unha implicación decidida para combatir o terrorismo machista.

Así mesmo, informaremos sobre as persoas, organismos, institucións e organizacións que se vaian “enlazando” á nosa iniciativa. Enlaza Vigo está tamén nas redes sociais Facebook e Twitter, polo que pedimos a colaboración de todas e de todos para dar a máxima difusión e lograr a máxima participación nesta cadea humana que expresará a vontade da cidadanía de que remate, dunha vez por todas, esta traxedia.

Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero.
Eu voume enlazar, ¿e ti?