26/10/11

Colaboración de Pedro Fresneda

Texto pertencente a "Exceso de conversación con gaviotas", escrito por Pedro Fresneda, codirector do Teatro Ensalle

La niña se queja
la niña va a crecer y se va a sentir extraña,
la niña tiene un carácter difícil,
va a haber que apaciguar a la niña,
va a haber que aplacar su mala mirada,
la niña es rara, la niña no entiende nada.

A la niña la vamos a llevar a un colegio y en el colegio va a aprender, la niña,
a la niña le vamos a tener que prohibir unas cuantas cosas,
la niña es agresiva e inquieta,
a la niña le vamos a tener que dar una mano de hostias,
la niña no aprende.

A la niña le pegamos y la niña no se queja,
la amenazamos y no funciona,
la castigamos y arremete contra las paredes de su cuarto, la niña se intenta escapar.

Con la niña no funciona nada, es rara, vamos a tener que esforzarnos con la niña,
la niña no se adapta a nada, la niña no comprende nada, en nada cede la niña.

La niña no aprende nada de su madre, no aprende docilidad,
no aprende nada de su padre, no aprende el dominio,
con la niña nos vamos a tener que esforzar de verdad.

Por la niña lo hacemos todo, todo por ella, por ella castigos, por ella palizas, por ella gritos, por ella silencio, por ella discusiones, todo por ella.

A la niña no le falta de nada.

La niña está educada, la niña ya no habla, no se queja, está en su cuarto y no se queja,
la niña por fin ha comprendido quien manda aquí,
la niña se ha adaptado, la niña lo aprueba todo.
Qué feliz la niña, qué tranquila, qué educada.
La niña irá a la universidad, la niña tiene un novio, la niña se casa, la niña es madre,
Qué feliz la niña.

La niña ha aprendido todo,
Ahora la niña es feliz,
ahora la niña sabe vivir.
La niña está cansada y por eso no viene a comer esta semana,
no importa, la niña está bien,
la niña trabaja mucho.
La niña recibe palizas en casa, la niña ha aprendido a disimular,
la niña ha aprendido a callar,
La niña aparece muerta, cosida a puñaladas,
La niña no nos había dicho nada,
que pena la niña,
que pena la niña,
que pena la niña.

25/10/11

Vigo conmemorará o 25 de novembro cunha gran cadea humana contra a Violencia de Xénero

A concelleira Chus Lago, xunto ás representantes do Consello Municipal da Muller e tres dos Enlaces da campaña, durante a rolda de prensa de presentación da iniciativa Enlaza Vigo.


O Consello Municipal da Muller de Vigo e a Concellería de Igualdade fixeron  hoxe un chamamento á cidadanía viguesa para que participe, o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, nunha gran cadea humana para condenar o machismo e a violencia contra as mulleres.
A iniciativa, que ten o lema "Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero", foi presentada esta mañá polas integrantes da comisión do Consello Municipal da Muller, Rosa Fontaíña e Luisa Ocampo, e maila a concelleira de Igualdade, Chus Lago. No acto participaron tamén o cantante Nicolás Pastoriza, a violinista Patricia Moon e a xogadora de baloncesto Deborah Rodríguez, persoas cunha proxección pública, que actúan, xunto a outras moitas máis de diversos ámbitos, como Enlaces difusores desta iniciativa.

Enlaza Vigo reclama a participación de máis de 200 institucións e organizacións da cidade, entre as que figuran institutos, universidade, sindicatos, asociacións veciñais, clubes deportivos, sociedades culturais, centros cívicos, colectivos empresariais ou institucións públicas, para lograr a implicación decisiva e necesaria para rematar co terrorismo machista.

A iniciativa Enlaza Vigo difúndese desde hai unha semana nas redes sociais Facebook e Twitter, onde conta xa con case 400 seguidores, e a través do blog http://www.enlazavigo.com, que ofrece información actualizada e opinións sobre Violencia de Xénero, así como as incorporacións dos Enlaces que se van sumando á campaña.

A cadea humana contra a Violencia de Xénero celebrarase o vindeiro día 25 de novembro, ás 11:00 horas, co punto de saída fronte ao MARCO. Ao longo da súa traxectoria situaranse 600 siluetas de muller en representación e homenaxe ás vítimas da Violencia de Xénero contabilizadas en España desde 2003. Deste xeito simbólico, preténdese facer visible a traxedia que representa o terrorismo machista.

Segundo os datos do Ministerio de Igualdad, no  que vai de ano, foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas un total de 52 mulleres.

Na súa intervención  na rolda de prensa, Luisa Ocampo suliñou que a Violencia de Xénero é un "problema de Estado" e fixo un chamamento á participación da cidadanía de Vigo nesta iniciativa para acadar a "visibilidade do rechazo á violencia contra as mulleres".

Pola súa parte, Rosa Fontaíña fixo fincapé na necesidade de combatir a Violencia de Xénero todos os días do ano.

Para a concelleira de Igualdade, a campaña Enlaza Vigo é necesaria para dar unha resposta contundente e clamorosa do conxunto da sociedade contra a Violencia de Xénero porque "a pasividade é un arma máis no terrorismo machista".

Nicolás Pastoriza, Patricia Moon e Deborah Rodríguez amosaron o seu apoio persoal á campaña, así como a súa concienciación contra o machismo e as súas consecuencias, entre as que o asasinato de mulleres é a máis tráxica.

24/10/11

Razóns polas que a Lei de Violencia de Xénero precisa dunha ampla reforma

Di o xornal El País nunha reportaxe publicada hoxe que, tras seis anos de aplicación, a eficacia da lei integral de Violencia de Xénero está ameazada. E, a través de distintas opinións, entre elas a da xuíza Inmaculada Montalbán, presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero, vai desgranando e analizando as "gretas na loita contra o machismo" que, segundo a maioría dos expertos, fan necesaria unha ampla reforma da lei.

Cales son estas gretas?
1.- Falla a base mesma da lei, a prevención, porque non se ten trasladado o combate contra o machismo a colexios e institutos.
2.- Falla a actitude dunha parte da xudicatura ante o espírito da lei, que se pon de manifesto en torno á expresión "causa de dominación".
3.- Fallan tamén as propias vítimas, moitas das cales non se ratifican na denuncia.
4.- Falla a valoración do risco por parte da Policía e da Garda Civil
 Por un compromiso real contra a Violencia de Xénero. EU VOUME ENLAZAR, E TI?

Éxito da convocatoria de rodas de homes contra a Violencia de Xénero

O Congreso Iberoamericano de Masculinidade e Equidade: Investigación e Activismo (CIME 2011) aproba a “Declaración de Barcelona: Axenda dos homes pola igualdade”
Roda de hombres en Santander contra a violencia machista. Foto: Concello de Santander.
O pasado venres, 21 de Outubro, para conmemorar a primeira manifestación de homes contra a violencia machista que se fixo en Sevilla en 2006, persoas de máis dunha trintena de pobos e cidades de España participaron nas denominadas “rodas de homes contra a violencia machista”. Neste día, as persoas que asistiron fixeron un chamamento público para a participación nos actos do 25 de Novembro, Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

Pero, ademais, este ano a data coincidiu practicamente coa celebración en Barcelona do Congreso Iberoamericano de Masculinidade e Equidade: Investigación e Activismo (CIME 2011), no que se aprobou a denominada “Declaración de Barcelona: Axenda dos homes pola igualdade”, co seguinte texto (a tradución é de EnlazaVigo):
“Algúns dos aspectos nos que os homes pola igualdade coincidimos e que poden formar parte da nosa axenda común hoxe son, entroutros:
1. Rexeitamos o exercicio do poder patriarcal e renunciamos aos privilexios que del se derivan.
2. Denunciamos todas as formas de violencia machista hacia as mulleres, fomentando a revisión crítica do sexismo interiorizado e desenvolvendo un traballo de sensibilización e prevención desta violencia entre os homes; apostando pola defensa dos Dereitos Humanos e a resolución pacífica dos conflitos.
3. Así mesmo, rexeitamos outras violencias machistas (bulling, homofobia, transfobia).
4. Promovemos a corresponsabilidade dos homes e os coidados compartidos, con especial referencia á responsabilidade dos homes no noso propio coidado e no das personas dependentes e maiores, apoiando medidas de conciliación da vida laboral e personal.
5. Impulsamos a paternidade activa e responsable, fomentando a implicación dos pais e na mellora das habilidades para a crianza, sendo incluidos nos cursos de preparación ao parto, primeiros coidados e coidado da nai. Neste sentido, reivindicamos que os permisos de maternidade e paternindade sexan iguais, intrasferibles e pagados a cargo da Seguridade Social ao 100 por cento do salario.
6. Apostamos pola coeducación na comunidade educativa para transmitir valores que axuden a medrar, tamén aos mozos, como axentes activos de igualdade. Esto ten que servir para previr o abandono escolar, as condutas disruptivas, o maltrato entre o alumnado e as actitudes machistas que rematan perxudicando a formación da poboación adolescente.
7. Apostamos por unha linguaxe igualitaria, que non represente nin sosteña o modelo de dominación sexista.
8. Defendemos as cuotas paritarias e de presenza de mulleres e homes, tanto nos cargos de responsabilidade pública e empresarial, como en tarefas de coidado e ensinanza.
9. Recoñecemos os diferentes xeitos de ser home, así como os dereitos cívicos e humanos das distintas expresións da sexualidade, superando a patoloxización, a homofobia e a transfobia.
10. Revisamos as expresións da nosa sexualidade baseadas no dominio, para gozar dunha sexualidade libre, respectuosa e consentida. Manifestámonos, por conseguinte, en contra da trata de seres humanos vencellada á prostitución e á explotación sexual de menores.
11. Propiciaremos a millora da saúde física e emocional dos homes, visibilizando os custes dos xeitos dañinos de ser home, que reducen a nosa esperanza e calidade de vida, ademais de xenerar graves problemas de saúde pública.
Como fase inicial desta axenda común, propoñemos concentrar e coordinar estratexias, campañas e accións e torno a dúas datas:
  • 21 de Outubro, cabodano da primeira manifestación de homes contra a violencia machista celebrada en Sevilla en 2006 e que, dende entón serviu para agrupar aos homes contra esta violencia en todo o Estado español, e movilizalos á participación nos actos do 25 de Novembro, Día Internacional de Erradicación da Violencia contra as Mulleres.
  • 19 de Marzo, recollendo a idea dos compañeiros de Xerez, celebrar o “día do pai igualitario” e de promoción da paternidade plena, coidadora e responsable. Esta data concentrará as nosas accións a favor dos coidados compartidos e a paternidade corresponsable, reivindicando os permisos de maternidade e paternidade iguais, intransferibles e pagados a cargo da Seguridade Social ao 100 por cento da base.
Estas datas concretas son unha referencia aberta a novas propostas e acordos por parte dos homes pola igualdade. Do mesmo xeito poderemos quizáis no futuro engadir outras.
E propoñemos avanzar cara unha coordinación que sume sinerxias e forzas, ofrecendo unha mensaxe máis nidia á sociedade, aos homes e ás Administracións públicas. Deste xeito, poderemos presentar as nosas propostas, que agardamos que se materialicen en forma de reformas, medidas e políticas con homes, necesarias para erradicar a desigualdade de xénero das nosas vidas e da sociedade.
Queremos aproveitar a celebración do Congreso Iberoamericano de Masculinidades e Equidade para que o movemento de homes pola igualdade dea un paso adiante en canto a coordinación e proxección social. Queremos que máis homes coñezan e compartan as nosas propostas, avanzando en canto a nosa incidencia entre a poboación masculina, algo imprescindible cara á necesaria transformación social que temos pendente no noso país”.
Barcelona, 8 de Outubro de 2011
Webs de referencia:


FIGA critica a cegueira institucional e social coas víctimas do machismo, moitas máis que as de ETA

Feministas Independentes Galegas, (FIGA) quere expoñer a súa indignación ante os criterios adoptados polo Goberno, Institucións políticas, Partidos, Asociacións e demais compoñentes políticos e sociais, ante a declaración do cese da violencia etarra.

Puidemos ler e escoitar declaracións deste tipo:

É o fin dunha vida incerta, insegura.
Nace un novo tempo político.
Punto final do pesadelo
Cese da violencia que foi a aspiración da sociedade española durante décadas.
A democracia termina por triunfar sobre os fanáticos que sementaron o terror.
Non haberá un guarda civil, un político, un empresario, un obreiro... máis, asasinado.
Agora é o momento da esperanza e da memoria.

A metade da humanidade, as mulleres, que SOMOS HUMANAS, aínda que non sexamos consideradas coma tal, ao ler e escoitar declaracións deste tipo, sentímonos desfechadas e ofendidas. Ignoran as autoridades o peor flaxelo que padece esta sociedade, a persecución, a dor, o sufrimento das mulleres. Non teñen en conta o número de mulleres asasinadas a cotío polos seus esposos ou compañeiros. Prescinden das criaturas asasinadas polos propios pais ou padrastos, para vingarse das nais.

De que democracia ousan falar?

As víctimas de Eta, mereceron grandes pompas fúnebres, e mesmo leis que os amparen e perpetúen a súa dor.

As víctimas do terrorismo patriarcal, só merecen UN MINUTO DE SILENCIO diante dos seus respectivos concellos. Despois, o seu nome pasa ao anonimato.

Son víctimas do poder masculino, do dominio que, en maior ou menor medida, exercen todos os homes sobre as SÚAS mulleres. Estes criminais non pertencen a unha organización armada nin a un ideario particular; pertencen a un sistema universal chamado patriarcado, un comportamento que se sucede desde os primates aos homes actuais, e que se foi adaptando a todos os sistemas e épocas, favorecido polas relixións, os sistemas reaccionarios e os beneficios e privilexios que obteñen del todos e cada un dos homes. 

Paréceme escoitar as protestas: non todos os homes se comportan así! Certo. Non o fan. Algúns porque son pacíficos e conciliadores; algúns porque se solidarizan coas compañeiras. Pero, en xeral, débese á necesaria complementariedade:

Frente á dominación é precisa a submisión.

A supervivencia, o instinto de conservación das mulleres levounas a agacharse, tras dos burcas ou tras un “hai que sabelo levar”. Cando as esposas- esposadas se rebelan, se enfrentan ou pensan en fuxir, acostuma saír a fera patriarcal instalada no sistema límbico dos cerebros masculinos.

Como é posible que homes amantes da liberdade, da xustiza, da solidariedade humana, diríamos, non se alporicen ante tanto crime contras mulleres e só consideren as víctimas masculinas e públicas?

Mellor que falar de perversión e misoxinia deliberadas, será constatar a CEGUEIRA. Resulta que as mulleres paren homes incapacitados para ver, para considerar persoas e cidadás ás mulleres, mesmo se viven, se alimentan, gozan, se empoderan,  reciclan e perpetúan, grazas a elas. Así é. Non as ven. Por iso, cando as violan, maltratan e asasinan, non as contan, nin as reputan nin as respectan.

A división, unha liña sempre imprecisa, entre dereitas e esquerdas, neste caso non conta en absoluto.

Desde o ano 2003 temos estatísticas do número de crimes cometidos contra as mulleres, no núcleo sentimental, na sacrosanta familia, no espacio do amor e do apoio mutuo.

Desde o ano 2003 Eta matou 16 persoas. No mesmo período foron recoñecidas como asasinadas con diferentes métodos 617 mulleres. Desde que Eta cometeu o 1º atentado, o machismo acabou coa vida de 3.060 mulleres, contando a unha media de 60 por ano.

Sigan facendo contas. Saian de España a Europa, EEUU, Canadá, os países “democráticos”. Recorran despois Asia e América do Sur. Intérnense no inferno feminino africano e sumen. Sintan como se lles quebra a calculadora, como as cifras gritan e desbordan o contable, o concibible. Despois disto, se afirman que as mulleres somos humanas, digan se poden durmir tranquilamente.

Poderán. Xa verán como non falan desta masacre nos mitins electorais.

María Xosé Queizán   Presidenta de FIGA

20/10/11

Non hai casos illados de Violencia de Xénero, senón episodios xeralizados


A fatalidade quixo que a vítima número 50 da Violencia de Xénero en España durante 2011, Cristina González Sacau, fora unha muller de Vigo e que nós estivéramos rematando os detalles da iniciativa Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero cando o seu exmarido a asasinou. De iso hai só unha semana, e nestes sete días xa morreron asasinadas a mans das súas parellas outras dúas mulleres, unha en Avilés e outra en Girona.

Foi casual, pois, que nós comezáramos Enlaza Vigo coincidindo co asasinato de Cristina. Con 52 vítimas mortais na 42ª semana deste ano (en 2010 foron 66) podía ter coincidido co asasinato de calquera outra muller en calquera outro lugar de España. E, desde logo, coincidiu con outros moitos asasinatos machistas que todos os días ocurren en todo o mundo, aínda que non teñamos noticias da súa gran maioría  porque, de pura costume, deixaron de ser noticia para os medios.

Non é casual, polo tanto, que o Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade de Vigo poñan en marcha unha campaña de concienciación social dirixida á movilización da sociedade contra a Violencia de Xénero e á escenificación da súa enérxica condena do machismo nunha gran cadea humana,  nun día sinalado, o 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Un día para a loita pola igualdade, para condenar a violencia machista, e para reivindicar o compromiso real da sociedade e das institucións na erradicación de actitudes e comportamentos machistas dos que os asasinatos de mulleres son a cara máis tráxica.

E dicimos que non é casual que se faga esta campaña porque as cifras son suficientemente elocuentes da dimensión do que  hai que denominar sen prexuízos terrorismo machista: no que vai de ano, en España hai 52 mulleres asasinadas en 52 episodios distintos de terrorismo machista. O machismo mata e faino unha a unha.

Xa dixemos que nesta última semana coñecimos polos medios de comunicación a existencia duns cantos casos máis de Violencia de Xénero. Ademais de Vigo, Avilés, Girona, Bergondo (A Coruña), Murcia e Zaragoza foron noticia por feitos similares, protagonizados por homes que asasinaron, ou intentaron facelo e non tiveron éxito, as súas parellas ou exparellas (sempre mulleres).

Hai que paralo!!! Este é o berro que estades a facer en Facebook  todas as persoas, homes e mulleres, que vos sumástedes á campaña. Pero onde se agochan os terroristas machistas? Estes non teñen pisos francos, nin santuarios noutros países; non actúan en comandos nin pertencen a ningunha organización nin teñen dirixentes.

Estes terroristas actúan por libre e, a diferenza tamén doutros terroristas aos que a sociedade lles nega calquera tipo de sentimento humanitario, estes acadan dar mágoa. Na nosa sociedade impregnada de machismo, na nosa sociedade herdeira dos valores que consagran a supremacía do home sobre a muller, o crime dos terroristas machistas concita moitos atenuantes, moitas xustificacións encubertas, moitas palabras de mágoa e conmiseración por eles, en lugar dunha rotunda condena e do maior dos desprezos para eles.

Só a vixencia dos valores machistas explica que tanto mulleres como homes podan amosar mágoa polas consecuencias xudiciais e vitais que lles traerá o asasinato das súas parellas ou exparellas. Por iso, hoxe máis que nunca é importante non dar un paso atrás, mantermos firmes na condena do crime, esixir xustiza e esixir o compromiso decidido e real de todos os poderes públicos para rematar cunha lacra social que non só non atopa freno, senón que está a propagarse entre a mocidade a gran velocidade.

Só merecen a nosa preocupación as únicas vítimas, as mulleres asasinadas e, por extensión, as súas familias: os seus fillos e fillas medrarán privados e privadas cruelmente da súa nai, co trauma e o sensentido das súas vidas truncadas para sempre pola violencia machista.

Isto hai que paralo. Fagámolo entre todos e todas, rexeitando e actuando en consecuencia, en calquera lugar e situación, todo ataque e/ou discriminación contra as mulleres.

Eu voume enlazar contra a Violencia de Xénero. E ti?

Comunicado do Consello Municipal da Muller de Vigo en repulsa do asasinato de Cristina González Sacau

O Consello Municipal da Muller de Vigo quere fazer pública a sua repulsa diante do novo caso de terrorismo machista no que  Cristina Gonzalez Sacau de 39 anos  foi  asasinada a mans do seu marido.

A esta atrocidade do asasinato de Cristina, hai que engadirlle o tratamento informativo, que poderiamos denominar desinformativo, dado pola maioria dos medios de comunicación. Atopamo-nos con todo un relatorio de opinións da veciñanza: ”non o esperabamos”,” era moi bon”, ”moi traballador”, “moi pacífico”, “ela tiña  mal xenio”,  “ non habia denuncias previas”, que escoitaron “berros de auxilio, golpes fortes, mais como logo houbo silencio” non fixeron nada. Certos xornais fan prevalecer o morboso da noticia e reproducen sen pudor estas frases  sen cavilar que das mesmas  poderia-se deducir claros indicios de denegación  de auxilio. 

Precisamos un compromiso firme para rematar con o machismo e a desigualdade que aínda hoxe impera na nosa sociedade, precisamos dunha implicación  integral dos poderes públicos a todos os níveis. Precisamos  concienciar a toda a cidadanía de que éste é un problema que ten a sua orixe na sociedade patriarcal, que aínda a dia de hoxe fai que  mulleres e homes desenvolvan roles diferentes.

Namentras que os poderes públicos non consideren a violencia de xénero como un problema de estado e que o terrorismo machista produce moita dor e moitas mortas, mentras desde os poderes públicos non se considere esta masacre como fundamental, a cidadanía seguirá a  xustificar determinados actos como arrebatos de loucura, e non como o resultado  da sociedade patriarcal, non poderemos avanzar.

Neste contexto de crise onde a precariedade, a desigualdade   e o desmantelamento  do Estado de Benestar  son cada día mais evidentes , e as solucións  neoliberais  propostas para superar  a crise  comparten co patriarcado á volta ao fogar da muller e os recortes  dos nosos direitos, a realidade da violencia de xénero vai a incrementarse. Según os dados oficiais a día de hoxe 52 mulleres foron asasinadas no que vai de ano no estado.

Esiximos a posta en marcha das medidas previstas na Leis Integrais contra a Violencia de Xénero estatal e galega ao tempo que  respostas políticas, institucionais e cidadás  para rematar con este  problema que ten  a súa orixe na profunda ideoloxía machista .

Esiximos o cumplimento da “Declaración de Compostela”  mediante a que o Colexio de Xornalistas (CPXG) asumiu no ano 2004 unha serie de recomendacións no tratamento informativo da violência de género.

Hoxe mais que nunca é necesario que as mulleres, o feminismo,  nos manteñamos unidas para non permitir dar nen um só paso atrás na conquista dos nossos direitos porque o machismo mata.


18/10/11

Qué é violencia contra as mulleres segundo a ONU

"Entenderase que a violencia contra a muller abrangue os seguintes actos, aínda que sen se limitar a eles:
a) A violencia física, sexual, sicolóxica que se produza na familia, incluídos os malos tratos, o abuso sexual das nenas no fogar, a violencia relacionada coa dote, a violación polo marido, a mutilación xenital feminina e outras prácticas tradicionais nocivas para a muller, os actos de violencia perpetrados por outros membros da familia e a violencia relacionada coa explotación;

b) A violencia física, sexual e sicolóxica perpetrada dentro da comunidade en xeral, incluída a violación, o abuso sexual, o acoso e a intimidación sexuais no traballo, en institucións educacionais e noutros lugares, a trata de mulleres e a prostitución forzada;

c) A violencia física, sexual e sicolóxica perpetrada e tolerada polo Estado, onde queira que ocorra."

Artículo 2. "Declaración sobre a eliminación da violencia contra as mulleres". Resolución da Asamblea Xeral das Nacións Unidas 48/104 do 20 de decembro de 1993


17/10/11

Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo

Enlaza Vigo 
 
Por Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia
(Publicamos este artigo coa autorización do seu autor, e agradecémoslle o seu apoio).

Cristina González Sacau, unha muller de 39 anos con dous fillos xemelgos de oito, foi asasinada na súa casa do Vao a mans de quen até hai poucos meses fora o seu home, Francisco Rafael Álvarez Martínez. Este é o segundo crime de violencia machista no que vai de ano en Galicia e o número 49 nesa lista negra de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas durante 2011 en España. Apenas unhas horas máis tarde, nunha semana terrible de violencia contra as mulleres, foron asasinadas outras dúas, unha en Lanzarote e outra en Avilés, que engrosan a lista de 594 vítimas do terrorismo machista, desque no ano 2003 o actual Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, iniciara esta estatística.

Como sucede decote, tras o homicidio do Vao, os testemuños do entorno da vítima e do acusado amosan a súa extrañeza polo sucedido. Unhas testemuñas afirman que "ninguén sospeitaba nada", tras a separación recente da parella, despois de dezaseis anos de matrimonio, mesmo que a súa "era unha relación cordial" e compartían o mesmo avogado no seu proceso de separación. Outras subliñan que non existían denuncias previas de malos tratos nin o imputado tiña antecedentes penais ou consideran a quen se confesou, diante da policía e do xuíz, como autor do crime como "un home normal" e unha "persoa tranquila". Un cadro de perplexidades sociais habitual neste tipo de crimes machistas nos que socialmente adoita non existir ameaza ningunha para a vítima que, como no caso de Cristina González, morre na sua propia casa a mans dunha persoa moi achegada a ela, neste caso o seu exhome, que mesmo franqueaba a porta do fogar a diario para visitar aos pequenos e tiña o seu taller de carpintaría a carón da propia casa. E, como adoita acontecer na maior parte destes casos, será o procedemento xudicial e os informes forenses quen finalmente aclare se o crime se produciu tras unha loita entre a parella e cales foron as súas circunstancias.

Porén, máis alá da resolución xudicial que dirima as responsabilidades do crime do Vao e da enorme traxedia que supón para ambas as dúas familias, é innegable que estamos diante doutro crime contra unha muller, que a sociedade nosa foi incapaz de evitar. Un doloroso fracaso colectivo que arrastramos, agochado tras un espeso silencio de décadas, e sobre o que a cidadanía non acadou un compromiso e unha implicación decidida para eliminar. Xa non abonda coa indignación cidadá, inevitablemente efémera, que provoca cada un dos casos desta forma inequívoca de terrorismo –hoxe en España un dos maiores problemas de seguridade cidadá (a pesar de que non sexa citado como tal, polos responsables políticos nin polas enquisas)--. Precísanse outras respostas políticas, institucionais e cidadás para un fenómeno que, debemos recoñecelo de vez, ten a súa orixe na profunda ideoloxía machista –aínda non superada e moi presente na sociedade nosa– que considera as mulleres como obxectos sexuais propiedade dos homes. Ese machismo, máis ou menos explícito, mesmo a pesar de varias décadas de valiosas políticas de igualdade, é o que continúa rexendo entre nós e de forma moi perversa a relación entre os homes e as mulleres, tanto entre as parellas maiores, como entre as novas, e o que constitúe algo moi alarmante, entre os propios adolescentes.

Non hai dúbida que a violencia contra as mulleres merece tolerancia cero e toda a sociedade debe corresponsabilizarse na utilización dos recursos públicos dispoñibles para evitala, desde as denuncias ao 016 até a posta en marcha das medidas previstas na Lei Integral contra a Violencia de Xénero. No entanto, tamén todos os comportamentos machistas merecen ser denunciados, dende a obxectalización da muller –tan presente na publicidade contemporánea e no próspero negocio da prostitución, que non sabe de crises– a calquera tipo de conduta discriminatoria, vexación, insultos, maltrato psicolóxico, desprezo ou falta de respecto contra as mulleres. Se somos capaces de erradicar de raíz ese tipo de comportamentos machistas, comezaremos a albiscar as posibilidades reais de diminuír de forma drástica as negras estatísticas de mulleres asasinadas. "Enlaza Vigo", a iniciativa do activo Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, pretende implicar o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a toda a cidadanía viguesa no compromiso de rematar co machismo e coa violencia. Esa cadea humana de mans entrelazadas ao longo das rúas viguesas esixirá un compromiso dos poderes públicos, dos medios de comunicación, mais tamén de cada unha das persoas, homes e mulleres, para erradicar esta lacra e tecer unha sociedade en igualdade. Unha cadea que será, tamén, unha homenaxe en silencio para Cristina González e o resto de vítimas que debimos ter evitado.

bretemas@gmail.com


13/10/11

A sociedade é complice dos asasinatos machistas se non condena tamén condutas discriminatorias, vexacións, desprezos e faltas de respecto ás mulleres

Comunicado da rede feminista Marcha Mundial das Mulleres lido hoxe pola tarde na concentración fronte ao MARCO contra a Violencia de Xénero

Hoxe atopámonos aquí reunidas para repudiar o asasinato de Cristina González Sacau. Unha muller nova, de 39 anos, chea de vitalidade e con dous fillos que agora deixa orfos.

O crime non foi no metro dunha cidade perigosa de Estados Unidos, nin nas caóticas rúas de México DF. Como case sempre que unha muller é asesinada, foi na súa casa, en Coruxo, na parroquia onde vivía. O asasinato non foi por un axuste de contas entre narcotraficantes, nin durante un atraco levado a cabo por unha banda do Leste, nin durante un enfrontamento entre bandas latinas. Foi, como case sempre, un crime machista; como case sempre, o perigo viu da man dunha das persoas máis próximas, o seu marido ata hai uns meses. Non foi un perigoso sicario, senón un carpinteiro, Francisco, que levaba unha vida “normal”, que non era percibido polos veciños, e pode que nin sequera por Cristina, como unha ameaza. Seguía pasando por casa a pesar da separación, seguía mirando aos nenos…

Cristina nunca o denunciara por malos tratos, pero era Francisco un maltratador? Ninguén diría dun etarra despois de cometer un asasinato que non era un terrorista, ou que foi un momento de ofuscación. Todo o mundo pensaría que o asasinato foi consecuencia dunha ideoloxía. No entanto, nos crimes por violencia machista –se non é demasiado evidente o maltrato continuado, e se non hai denuncias previas – comeza a desligarse o crime da ideología que o provoca.

Analízase caso por caso, individualmente, buscando desesperadamente a orixe dese “arrebato”. Todo para non ter que recoñecer que os crimes son a consecuencia dunha sociedade machista na que existe, pese aos avances acadados nas últimas décadas en prol da igualdade de xénero, un desfase brutal entre a necesidade das mulleres de decidir por se mesmas e a incomprensión masculina ante a perda do poder. É máis doado pensar que foi un “calentón” que  asumir que é a consecuencia dunha mentalidade machista, dunha forma perversa de entender a relación entre homes e mulleres, non só nas parellas máis vellas senón tamén en parellas novas e adolescentes.

Francisco erixiuse como titular do dereito de propiedade sobre Cristina, e como tal propietario, decidiu arrebatarlle a vida. Non coñecíamos a Francisco antes do crime. Non sabemos se poderíamos telo identificado previamente como un maltratador. Hai tanto machismo na realidade cotián, tanto maltrato subliminal, que nin sequera o percibimos como maltrato; e se o percibimos, convivimos con el sen que nos asuste; asumimos unha dose cotiá de machismo que case nos inmuniza. Tratamos de que nos afecte o menos posible, porque a batalla diaria e cotiá é esgotadora.

As mulleres deixamos de “dar a vara” moitas veces para non parecer o “Pepito Grillo” feminista; por non andar sempre enfadadas polo que algúns denominan tonterías; por non ser acusadas de falta de sentido do humor ante as gracietas e bromas machistas; por non parecer que levamos a vara de medir as desigualdades entre os nosos complementos…

Os homes deixan de loitar contra o machismo moitas veces por non deixar en evidencia a un “colega”; por non rachar esa solidariedade de xénero entre homes; por non parecer os aliados dunha causa que pode debilitar o seu poder; porque pensan moitas veces que “non é un problema deles”.

Pero un día ese machismo sobrepasa o límite, sae á superficie e vemos as peores consecuencias. Un día tras outro o machismo mata, e a sociedade ten que asumir a súa complicidade nestes crimes. Non vale encollerse de ombros e pensar que non se puido facer nada porque a vítima non o denunciou; culpabilizándoa en certa medida.

A responsabilidade do Estado, das institucións, da clase política, non é menor por moito que se escuden en que a vítima non tiña ningunha denuncia nin orde de alonxamento. Son reponsables por crear leis baleiras de contidos económicos que permitan poñer en práctica os protocolos recollidos nas mesmas. Responsables por aproveitar a crise para desmantelar programas e servizos a prol da igualdade; para eliminar ou recortar servizos sociais importantes para as mulleres vítimas da violencia machista; para reducir os orzamentos en educación, piar básico para concienciar e traballar en prol da igualdade entre homes e mulleres, etc. etc.

A denuncia, desafortunadamente, tampouco garante a seguridade das vítimas. A Policía, a Xustiza, as institucións, non son quen de poñer todos os recursos necesarios para facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están sufrindo. Pero non nos enganemos. Nin as leis nin os tribunais poden solucionar todo. Non daríamos abasto para denunciar, xulgar e castigar nos tribunais tantas pequenas e grandes agresións. A Xustiza non pode xulgar todos os comportamentos, as predisposicións, os valores e as actitudes machistas, pero a sociedade si. E é a sociedade quen ten que comprometerse nesta loita contra a violencia machista. Non vale con moverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Todas as persoas que estamos aquí hoxe, e moitas que non están, condenamos este acto pola súa brutalidade e fatal desenlace; pero temos que ser conscientes de que a este tipo de accións sempre lle acompañan condutas que igualmente teñen que ser condenadas dun xeito unánime e sen fisuras por toda a sociedade.

Condutas discriminatorias, vexacións, desprezos, maltrato psicolóxico, falta de respecto, insultos, abusos… son síntomas desta mesma violencia que hoxe temos que lamentar coa súa faciana máis amarga, na morte de Cristina González Sacau. Temos que ter intolerancia total ante as desigualdades, debémosllo a Cristina e a todas as mulleres mortas por causa da violencia de xénero, debémosllo a todas as mulleres, á nosa sociedade, ás futuras xeracións e a nós mesmas para poder vivir con dignidade e con respecto a nosa natureza: somos mulleres e non é xusto morrer por selo.

Hoxe só quedan lamentos, pero tamén hoxe é un día para a esperanza de que Cristina González sexa a última asasinada por cuestións de xénero. É traballo de todas e todos que así sexa, e así debemos camiñar na nosa vida privada e pública, condenando as condutas machistas e esixindo ás administracións a súa responsabilidade social e xurídica para garantir a cobertura necesaria ás vítimas de maltrato e así, entre todas, asegurar o fin dos asasinatos.

Debémoslle a Cristina, e a cada unha das outras mulleres asesinadas, agredidas, violadas, humilladas, e ás fillas e fillos desas mulleres o noso compromiso firme e decidido contra a Violencia de Xénero.

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS.

O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.
(E agora vamos gardar un minuto de silencio en memoria de Cristina).

Pola responsabilidade social na Violencia contra as Mulleres

Estamos a sufrir unha semana negra para a Violencia de Xénero polo asesinato de tres mulleres a mans das súas parellas ou exparellas en Vigo, Lanzarote e Avilés. Nun prazo de 72 horas, a Violencia Machista cobrouse tres novas vítimas.

Os tres asesinos están detidos pero cando se producen comportamentos violentos, agresivos e abusivos contra as mulleres non podemos pechar os ollos. Existe unha responsabilidade social no delito de violencia contra as mulleres? A resposta é que si, como existe e xa quedou demostrada, unha responsabilidade de colaboración cidadá para a loita contra outros tipos de delincuencia.

É importantísimo que a sociedade saiba que a violencia contra as mulleres é un delito público. Non é un conflicto privado entre dúas persoas. Polo tanto, a sociedade, a través dos mecanismos dispostos pola lei, ten a responsabilidade de loitar contra ese delito. A resposabilidade social indícanos que nos casos de violencia contra as mulleres a protección da vítima debe estar por enriba de calquera outra consideración. Hai que avisar inmediatamente. E se mañá está morta?

Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero. Eu voume enlazar, ¿e ti?

O machismo mata


Escrito por María Xosé Queizán, escritora e feminista

O odio contra as mulleres, a misoxinia, non acaba.
Os sistemas relixiosos, políticos e económicos arremeten contra nós.

A relixión considérase dona da moral e dos nosos órganos reproductores, e pretende regular o sexo, as maternidades, á marxe da nosa vontade. Non se alporiza, pola contra, dos millóns de mutilacións xenitais que se levan a cabo no mundo. O grito feminista “Dereito ao propio corpo!” segue a ser indispensable.

O Goberno da Xunta de Galicia está favorecendo o poder eclesiástico coa Lei de Familia e os apoios á Rede Madre, poñendo os úteros das mozas desfavorecidas economicamente e as súas criaturas a disposición dos criterios das monxas.

As mulleres realizan a maioría do traballo do mundo, pero as decisións laborais, os empregos asalariados, danlle preferencia aos homes. Os Consellos de Administración son xuntanzas machistas. Corruptos, repártense millóns pensando que as mulleres debemos compartir receitas de cociña, biberóns, zapatos de tacóns e ansiolíticos.

Na representación artística, no cine, na tele, na publicidade, as mulleres son obxectas de uso e abuso, visual, táctil, onde se alenta o sadomasoquismo machista.

As violacións, malleiras e asasinatos das mulleres, así como os incestos coas criaturas son sistemáticas. Transcenden o privado para seren terrorismo machista.

Temos unha Lei de Igualdade e unha Lei contra a Violencia de Xénero que non se cumpren. Son masacradas, apuñaladas brutalmente, zorregadas, queimadas, tiroteadas, atropeladas, lanzadas polo balcón... polos seus machos, incesantemente, sen que iso sexa considerado problema de Estado.

Cada muller asasinada só merece das autoridades UN MINUTO DE SILENCIO. 

Cadea humana para condenar enerxicamente o machismo e o asasinato de mulleres

Concentración ante o Concello, o pasado 12 de outubro, en repulsa do asasinato de Cristina González en Vigo.
O 25 de Novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O Consello Municipal da Muller propón que ese día a cidadanía de Vigo participe dun xeito masivo nunha cadea humana para expresar con contundencia a condena do machismo e da violencia contra as mulleres como unha das súas consecuencias máis dramáticas.

Para acadar este obxectivo, o Consello Municipal da Muller reclamará a implicación e participación de case 200 institucións e organizacións da cidade, así como a adhesión particular da cidadanía a través das redes sociais e de diferentes accións de promoción e chamamento.

A convocatoria da cadea humana “Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero” foi acordada pola Comisión do Consello Municipal da Muller o pasado día 10 de Outubro.

Só un día despois, en Vigo foi asasinada Cristina González, veciña da parroquia de Coruxo, a mans do seu exmarido, Francisco Rafael Álvarez Martínez. Apenas unhas horas máis tarde, outras dúas mulleres foron asasinadas, unha en Lanzarote e outra en Avilés.

No que vai de ano, son xa 51 as mulleres asasinadas polo machismo en España, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Dende que que se levan as estatísticas, en 2003, as mulleres asasinadas en España por violencia de xénero son 594.

Neste espazo da rede informaremos sobre todas as xestións que se estean a realizar cara a formación desa gran cadea humana que represente o clamor da cidadanía contra a Violencia de Xénero e a esixencia a todos os poderes públicos, medios de comunicación e sociedade en xeral dun compromiso real e unha implicación decidida para combatir o terrorismo machista.

Así mesmo, informaremos sobre as persoas, organismos, institucións e organizacións que se vaian “enlazando” á nosa iniciativa. Enlaza Vigo está tamén nas redes sociais Facebook e Twitter, polo que pedimos a colaboración de todas e de todos para dar a máxima difusión e lograr a máxima participación nesta cadea humana que expresará a vontade da cidadanía de que remate, dunha vez por todas, esta traxedia.

Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero.
Eu voume enlazar, ¿e ti?