20/12/11

Descubrindo a historia de Vigo polo seu I Roteiro en Feminino

Participantes no percorrido polo I Roteiro en Feminino, na rúa Real. © Foto: Víctor Acuña.
Fixemos o pasado sábado o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres” promovido por Mulheres Nacionalistas Galegas co obxectivo de visibilizar as mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo. Leva por quince puntos de Vigo nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas.

Percorre quince puntos, algúns deles espazos emblemáticos da cidade nos que pervive a memoria dos traballos das mulleres, ocupadas tanto facendo a colada nos lavadoiros públicos como trenzando cestas de vimbio, vendendo peixe na ribeira ou excedentes agrícolas nas prazas do centro histórico.

E, entre eles, espazos que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do movemento feminista de Vigo; lugares que recuperan a memoria de mulleres víctimas da represión franquista; de pedagogas que defenderon os dereitos das mulleres e impulsaron a súa educación, e lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta onde se imprimiu en 1863 “Cantares gallegos”, da poeta nacional Rosalía de Castro.
Rúa das Cesteiras. © Foto: Víctor Acuña.
Lavadoiro comunal A Barroca (rúa Poboadores). © Foto: Víctor Acuña.

Tras o seu percorrido, guiado por María Casar, o I Roteiro en Feminino foi presentado no Museo de Arte Contemporánea (Marco) nun acto que contou coa presenza de mulleres que colaboraron coas testemuñas das súas vivencias persoais no traballo de campo do Roteiro, así como de familiares das mulleres que nel se lembran.


De esquerda a dereita: a coordinadora do I Roteiro en Feminino, María Casar; a concelleira de Iguladade, Chus Lago, e a representante de Mulheres Nacionalistas Galegas, Luisa Ocampo. © Foto: Víctor Acuña.
O desexo de Mulheres Nacionalistas Galegas é que o Roteiro sexa convenientemente sinalizado e forme parte dos itinerarios por Vigo, e así llelo expresou neste acto á concelleira de Igualdade, Chus Lago.

Transcribimos aquí as palabras de María Casar porque son a mellor xustificación do valor histórico e cultural que ten este roteiro con ollada de muller:

“Cos nosos ollares queremos mergullarnos noutras vivencias, noutro tempo e noutros xeitos de vivir e de traballar e neste roteiro viaxamos aos sons dun Vigo que medrou coa forza, co valor, co compromiso, coa solidariedade e a valentía das mulleres que fixeron do seu labor unha achega ao desenvolvemento social, económico, ideolóxico e cultural da cidade de Vigo conformando o seu ser.
Dende o compromiso políico, dende o traballo nas conserveiras e na ribeira do Berbés. Coas mans estragadas polo xeo e as galernas cavando angurias no corazón á espera dos que foran ao mar. Dende a pedagoxía alentadora e a medicina que medraba na vonade férrea e feminina aos murmurios e cantigas nos lavadoiros comunais e nos mercados. Dende os recunchos do traballo das cesteiras para encher de patelas as mans das carrexonas e os risos cómplices das ostreiras ás bágoas de sal das que emigraban e daquelas que vían dende a Estación Marítima alonxarse aos seus nun ronsel que desangrou a un país que afogaba en suores baixo soles alleos. Dende a cruenta represión franquista daquelas que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural e mesmo nas barricadas da resistencia ou dende os versos da nosa poeta nacional que viron a luz na imprenta de Compañel até o traballo construtivo das mestras e pedagogas que soñaron unha educación que aínda hoxe é soño de futuro. Dende a vontade de SER e de CONSTRUÍR a sociedade as mulleres ás que dedicamos este roteiro son a voz, o riso, o berro seco e a ollada que nos guía a todas e todos na construción dun mundo máis xusto e solidario.
Os sons do devalo dos nosos pasos perseguindo o eco das súas voces, dos seus risos e choros, da súa voz clara e segura medran en nós para afortalar o futuro fronte ao esquecemento”.
Aspecto do Salón de Actos do Marco, na presentación do I Roteiro en Feminino. © Víctor Acuña.







Máis fotografías en:
http://www.flickr.com/photos/feminismo/sets/72157628472793805/

12/12/11

Non hai xustificación nin atenuantes. É o machismo o que mata



Feminismogaliza (MNG) envíanos o seguinte mail:

Novo asasinato dunha muller na Galiza, e foi no seu posto de traballo. As declaracions do alcalde de Carral son inadmisibels. Respostemos na rúa, a este novo caso de violencia de xénero, porque o machismo mata e xá estamos fartas de tanta pasividade por parte das autoridades ante os sangrantes casos de terrorismo machista”.

O que dixo o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, foi: “Creo que nunca houbo (denuncias por violencia machista), pero él últimamamente, estaba un tanto abandonado, estaba en paro, bebía...” (fonte: Europa Press)

Por qué ao narrar casos de terrorismo machista séguese a insistir neste tipo de datos? Acaso ao describir outros fenómenos de violencia social, como outras formas de terrorismo, fálase deste tipo de cousas?

De nada informa o feito de que unha persoa beba, estea en paro ou “estea abandonada” ou cousas polo estilo cando se fala dun fenómeno no que outros agresores nin beben, nin están en paro, nin están abandonados. E a enorme maioría dos que beben, están en paro ou abandonados non asasinan. O problema do que estamos a falar non ten que ver con situacións individuais, senón cun comportamento social de dimensións enormes: dende que hai estadísticas (en 2003) van xa máis de 600 mulleres asasinadas en España.

NON HAI XUSTIFICACIÓNS NIN ATENUANTES. É O MACHISMO O QUE MATA.

Unímonos ao desexo de MNG: Respostemos na rúa a este novo caso de violencia de xénero, porque o machismo mata e a sociedade xa está farta.

7/12/11

Roteiro en Feminino para visibilizar as mulleres protagonistas da historia de Vigo


Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) inaugura o sábado, día 17 de decembro, en Vigo, o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres”, co obxectivo de rendir unha homenaxe a todas as mulleres que individual ou colectivamente foron protagonistas e pioneiras, co seu traballo, a súa sabiduría, a súa rebeldía...

“Elas foron quen de ir abrindo o camiño para todas nós,  tecendo a historia de Vigo, unha historia que silencia en xeral  o gran labor das mulleres. É  de xustiza, por iso, facer este recoñecemento para que a memoria e a historia dean o protagonismo que corresponde ás mulleres”.

O Roteiro descurre por quince puntos da cidade cos que MNG quere visibilizar as mulleres e acadar que “a cidade de Vigo poña en valor a igualdade tan necesaria para construir unha sociedade democrática”, e comezará de xeito guiado ás 11:00 h. na Praza 8 de Marzo, inaugurada en 2002 como un lugar para a reflexión lúdica e reivindicativa da situación actual das mulleres e un espazo integrador paa a mostra de propostas “cre-activas”.

Descurre pola Casa das Mulleres (Rúa Romil, 20), reivindicación histórica do feminismo e realidade desde 2002, un espazo “onde todas somos nós”; o lavadoiro A barroca (Poboadores); a Praza da Ribeira do Berbés, a imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12) onde se  imprimiu en 1863 “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro; a Estación Marítima, como testemuña da emigración, un éxodo que afectou por igual a homes e mulleres a comezos do século XX; as rúas Pescadería e Cesteiras, enclaves tradicionais de traballos das mulleres; o Mercado da Praza da Constitución; ou o Centro de Documentación e Recursos Feministas (Biblioteca Central).

O Roteiro continúa despois pola rúa do Príncipe, con dúas paradas (no Círculo Mercantil e no Marco, antiga cadea de Vigo) nas que se lembra a dúas vítimas do fascismo. A primeira, Rosario Hernández Diéguez, “A Calesa” (Vigo, 1916-1936), afiliada á UGT e vendedora de xornais na rúa do Príncipe, que foi violada, torturada, mutilada e asasinada nun cuartel da Falanxe, e despois fondeada preto das Cíes baixo unha prancha de ferro. E a segunda, Urania Mella Marco (Vigo, 1900- Lugo, 1945), presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, alfabetizadora e mestra de piano, que foi detida co seu home pola súa traxectoria progresista e a súa tarefa sociopolítica, e condenada a morte, igual ca el. A ela foille conmutada a pena por doce anos de cárcere, e morreu un mes despois de recupear a súa liberdade.

Logo dunha parada no Espazo contra a Violencia de Xénero (rúa Ronda don Bosco) onde se sitúa un marcador electrónico que sinala o número de mulleres asasinadas durante o ano en España polas súas parellas ou exparellas, o Roteiro remata na rúa Concepción Arenal, 6, cunha lembranza ás pedagogas e educadoras Concepción Arenal (Ferrol 1820-Vigo, 1893), Ernestina Oero Sestelo (Redondela 1890-1956) e Antía Cal (La Habana, 1923).

2/12/11

Retratos da mocidade na cadea Enlaza Vigo

Seguimos recibindo imaxes da cadea Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero, do pasado día 25 de novembro. Hoxe compartimos o álbum de Víctor Acuña que podedes ver completo na súa conta de flickr. Unha galería chea de mozos e mozas dos centros de ensino secundario de Vigo, cuxos rostros son a esperanza dunha sociedade na que non teña cabida a violencia contra as mulleres.

© Víctor Acuña.