24/10/12

Enlaza Vigo conta xa con máis de 1.200 alumnos e alumnas para facer o tapiz humano


Fotografía tomada na cadea humana Enlaza Vigo, celebrada o pasado ano co gallo do 25-N. © V. de las Heras.
Poucas semanas despois de iniciar a organización da campaña de Enlaza Vigo contra a violencia machista, xa confirmaron a súa participación nas actividades programadas un total de 24 centros de ensino secundario de Vigo. Deste xeito, contamos xa con máis de 1.200 alumnos e alumnas que van participar no acto central da campaña, a creación dun tapiz humano na rúa Urzáiz, o vindeiro día 23 de novembro, ao que convidamos a toda a cidadanía. 

A participación do alumnado non queda aquí, e os rapaces e rapazas están comezando a elaborar, con toda liberdade creativa, os carteis cos que participarán nunha grande exposición colectiva de condena da violencia contra as mulleres que se instalará na rúa do Príncipe. 

Enlaza Vigo quere ser o referente da reacción da cidadanía de Vigo contra a violencia de xénero, e co gallo do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, fai un chamamento á participación de toda a cidadanía nunha iniciativa que é un berro colectivo contra a lacra da violencia de xénero, que no que vai de ano cobrouse a vida de 37 mulleres. 

A campaña Enlaza Vigo, que organizan o Consello Municipal da Muller e a Concellalía de Igualdade de Vigo, conta, ademais, co apoio activo dun centenar de persoas coñecidas, vencelladas ao mundo da cultura, o deporte, o xornalismo ou a arte, aos que chamamos “enlaces”, e que durante a campaña irán achegando a este blog as súas mensaxes e reflexións contra a violencia de xénero

Pero Enlaza Vigo é unha iniciativa que necesita do compromiso da cidadanía en xeral, e consecuentemente este blog está aberto á colaboración de calquera persoa que desexe compartir o seu rexeitamento da violencia contra as mulleres.

9/10/12

Enlaza Vigo volverá saír á rúa contra a violencia de xénero co gallo do 25 N


Co gallo do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade de Vigo volven poñer en marcha a iniciativa Enlaza Vigo, para reflectir o compromiso real do conxunto da cidadanía no combate do terrorismo machista

O pasado ano foi a través dunha gran cadea humana, e este ano será mediante a formación dun gran tapiz humano, o xeito como a cidadanía de Vigo condenará na rúa a violencia de xénero e cantas actitudes e comportamentos machistas encerra. 

A participación cidadá na cadea humana do pasado ano foi multitudinaria, moi por enriba das nosas mellores previsións. A isto contribuíu decisivamente a presenza das alumnas e alumnos de centros de ensino secundario da cidade, así coma implicación de entidades e colectivos de todo tipo

Nesta edición de 2012, Enlaza Vigo desenvolverá diversas accións, como a creación dun tapiz humano na rúa (venres, 23 de novembro) e unha exposición colectiva realizada pola comunidade escolar. Con elas expresaremos o berro unánime de rexeitamento fronte á violencia de xénero e as tráxicas consecuencias que ocasionan as actitudes machistas. Todas estas actividades estarán coordinadas por un equipo de profesionais vinculados á animación infantil e xuvenil. 

Ademais disto, Enlaza Vigo conta coa figura do “Enlace”, persoas con capacidade de prescrición dos ámbitos da cultura, o deporte, a política, a docencia, os medios de comunicación, as redes sociais... que non so participan nas actividades previstas, senón que contribúen de xeito activo á concienciación social fronte á lacra do terrorismo machista. 

Enlaza Vigo é, en suma, unha iniciativa para promover a reacción cidadá contra a violencia de xénero. Por iso, facemos un chamamento cívico para que de novo participen nesta edición centros de ensino, asociacións de mulleres, sindicatos, asociacións veciñais, sociedades culturais, centros cívicos, centros sociais, clubes deportivos, colectivos empresariais, institucións públicas, etc.