8/3/12

Pleno específico do Consello Municipal da Muller de Vigo con gallo do Día Internacional da Muller


O Salón de Plenos do Concello de Vigo acolleu está mañá un Pleno do Consello Municipal da Muller con gallo do Día Internacional das Mulleres

No pleno estiveron presentes todas as asociacións que constitúen o Consello. Dez, foron as entidades que interviron para expoñer as súas propostas para facer de Vigo unha cidade máis igualitaria. O pleno estivo presidido pola concelleira de Igualdade, Chus Lago Rey, acompañada de Iolanda Veloso Ríos e Mª Xosé Porteiro García, responsables da área de Muller ou Igualdade en anteriores gobernos municipais.

Chus Lago manifestou no decurso do pleno que "tal vez pareza innecesario lembrar por qué estamos aquí celebrando este acto institucional porque o 8 de marzo xa é unha efeméride absolutamente coñecida e recoñecida como Día internacional da muller, que empezou estando adicado ás mulleres traballadoras e que xa, por extensión, inclúe a tódalas mulleres de tódalas condicións e de calquera lugar do mundo. Pero coido que procede lembrar que neste ano 2012, a conmemoración foi adicada a "Habilitar as mulleres campesiñas para rematar coa fame e coa pobreza". Son, probablemente, as máis vulnerables. As máis descoñecidas. As máis invisibilizadas."

6/3/12

Manifestación o 8 de marzo, as 20.00h dende a Farola de Urzaiz


Convocan as 23 organizacións que conforman o Consello Municipal da Muller
 
Este ano, o Consello Municipal da Muller de Vigo, como símbolo da unidade do conxunto do movemento de mulleres nesta cidade, imos convocar a manifestación o xoves día 8 de marzo baixo o lema: "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", que sairá ás 20:00 h da Farola de Urzaíz e rematará na praza da Constitución.

Queremos que nesta manifestación, encabezada polo conxunto das 23 organizacións de mulleres que formamos parte do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade, a única simboloxía visibel sexa en exclusiva feminista, coa cor lila que é a que nos identifica, para isto repartiranse pegatinas e pancartas de man en cor lila con diferentes lemas acordados de forma unitaria entre todas as organizacións que formamos parte da comisión de organización deste 8 de marzo.

Facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que se implique e participe nesta manifestación demostrando que a cidade de Vigo somos pioneiras na loita pola igualdade como demostramos o 25 de novembro coa cadea humana "EnlazaVigo" contra a violencia de xénero.

8 de marzo: manifestación polos dereitos das mulleres


Co gallo do Día Internacional das Mulleres, o Consello Municipal da Muller de Vigo convoca a toda a cidadanía a participar nunha manifestación polos dereitos das mulleres, o vindeiro xoves, día 8, ás 20:00 horas. Para reafirmar aínda máis o seu carácter reivindicativo en prol das mulleres, convida ás persoas participantes a portar nela simboloxía feminista.

A praza da farola de Urzáiz será o punto de encontro da cidadanía para iniciar a manifestación que, baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”, percorrerá diversas rúas viguesas ata a praza da Constitución. Ao seu termo, as integrantes do Consello Municipal da Muller lerán un comunicado coas reivindicacións desta xornada.

Para facer chegar á cidadanía este evento, o Consello Municipal da Muller está a levar a cabo unha campaña informativa que inclúe o reparto de 20.000 folletos e 5.000 pegatinas distribuídos en todos os barrios da cidade, así como en entidades veciñais e outros colectivos sociais.

2/3/12

Festa pola igualdade, mañá, no Casco Vello

A fachada da Casa da Cultura, no Casco Vello, luce xa a imaxe da campaña pola igualdade que realiza este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. Desde esta tarde, a praza da Constitución prepárase para acoller mañá, sábado 3 de marzo, unha festa co obxectivo de gozar dunha xornada de convivencia e de reivindicación, e para o xoves 8 de marzo está prevista una manifestación que sairá ás 20:00 h desde a praza da farola de Urzáiz e descorrerá ata a praza da Constitución baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”

As actividades previstas na praza da Constitución desenvolvenranse desde as 13:00 ás 19:00 h. e inclúen actuacións musicais para todos os gustos. Así, esta céntrica praza transformarase nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral. A música soará de xeito ininterrumpido durante seis horas. 

Ás 13:00 horas actuará a banda “Unión Musical de Valladares”, unha formación musical con máis de 100 anos de historia que acadou ao longo da súa traxectoria importantes galardóns. A súa escola de música conta, na actualidade, con máis de cen alumnos e alumnas. 

A música na praza da Constitución seguirá pola tarde, a partir das 16:15 h. coa actuación de iRiAmc & Mariah!, dúas mozas galegas artistas do hip hop. Ás 16:30 h dará comezo a actuación do grupo de música tradicional “Arroutadas”, composto por catro mozas viguesas, e ás 17:30 h actuará a cantante soul AYSHA. E para rematar, ás 18:00 h, AID, firme valor do rap, ofrecerá un concerto. 

1/3/12

O Consello Municipal de Vigo convoca a manifestación do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres



Este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo, como símbolo da unidade do conxunto do movemento de mulleres nesta cidade, imos convocar a manifestación o xoves día 8 de marzo baixo o lema "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", que sairá ás 20:00 h da Farola de Urzáiz e rematará na praza da Constitución. 

Queremos que nesta manifestación, encabezada polo conxunto das 23 organizacións de mulleres que formamos parte do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade, a única simboloxía visíbel sexa en exclusiva feminista, coa cor lila que é a que nos identifica. Para isto repartiranse pegatinas e pancartas de man en cor lila con diferentes lemas acordados de forma unitaria entre todas as organizacións que formamos parte da comisión de organización deste 8 de marzo.

Facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que se implique e participe nesta manifestación demostrando que a cidade de Vigo somos pioneiras na loita pola igualdade, como demostramos o 25 de novembro coa cadea humana "EnlazaVigo" contra a violencia de xénero.

29/2/12

Concurso de Microvídeos polo Día Internacional das Mulleres

Desde o 1 ao 31 de marzo está aberto o prazo para participar na convocatoria do Concurso de Microvídeos. As bases están disponibles no espazo web www.igualdadevigo.org/concursovideos <http://www.igualdadevigo.org/concursovideos>      




                                                                                                     

20/2/12

Actos conmemorativos do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres


Baixo o lema "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", o Consello Municipal da Muller celebrará este ano o día 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.

Os actos conmemorativos terán lugar en dúas datas, o sábado día 3, e o mesmo día 8. Deste xeito, o sábado día 3 haberá unha Festa polo Día Internacional das Mulleres, con espectáculos de animación na rúa e un concerto de música rap, a cargo de AÍD. A cita será na Praza da Constitución, desde as 13:00 horas ás 19:00 horas.

Para o día 8 de Marzo, xoves, o Consello Municipal da Muller de Vigo convoca a toda a cidadanía a participar nunha manifestación polos dereitos das mulleres. Para reafirmar aínda máis o seu carácter reivindicativo en prol das mulleres, convida ás persoas participantes a portar nela simboloxía feminista. A manifestación sairá ás 20:00 horas desde a farola de Urzáiz e rematará na Praza da Constitución.

Ao longo do mes de marzo, ademais, desenvolveranse outras actividades complementarias, como son dúas proxeccións de cine infantil no Verbum-Casa das Palabras (os domingos 11 e 18), e a proxección do documental "As silenciadas", que terá lugar no MARCO o vindeiro día 13 de marzo.

14/2/12

Vídeo da cadea humana EnlazaVigo 25 de novembro de 2011


A Concellería de Igualdade está a difundir as imaxes da cadea humana que se desenvolveu en Vigo o 25 de novembro de 2011 na súa canle de Youtube:
https://www.facebook.com/igualdadevigo

20/12/11

Descubrindo a historia de Vigo polo seu I Roteiro en Feminino

Participantes no percorrido polo I Roteiro en Feminino, na rúa Real. © Foto: Víctor Acuña.
Fixemos o pasado sábado o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres” promovido por Mulheres Nacionalistas Galegas co obxectivo de visibilizar as mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo. Leva por quince puntos de Vigo nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas.

Percorre quince puntos, algúns deles espazos emblemáticos da cidade nos que pervive a memoria dos traballos das mulleres, ocupadas tanto facendo a colada nos lavadoiros públicos como trenzando cestas de vimbio, vendendo peixe na ribeira ou excedentes agrícolas nas prazas do centro histórico.

E, entre eles, espazos que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do movemento feminista de Vigo; lugares que recuperan a memoria de mulleres víctimas da represión franquista; de pedagogas que defenderon os dereitos das mulleres e impulsaron a súa educación, e lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta onde se imprimiu en 1863 “Cantares gallegos”, da poeta nacional Rosalía de Castro.
Rúa das Cesteiras. © Foto: Víctor Acuña.
Lavadoiro comunal A Barroca (rúa Poboadores). © Foto: Víctor Acuña.

Tras o seu percorrido, guiado por María Casar, o I Roteiro en Feminino foi presentado no Museo de Arte Contemporánea (Marco) nun acto que contou coa presenza de mulleres que colaboraron coas testemuñas das súas vivencias persoais no traballo de campo do Roteiro, así como de familiares das mulleres que nel se lembran.


De esquerda a dereita: a coordinadora do I Roteiro en Feminino, María Casar; a concelleira de Iguladade, Chus Lago, e a representante de Mulheres Nacionalistas Galegas, Luisa Ocampo. © Foto: Víctor Acuña.
O desexo de Mulheres Nacionalistas Galegas é que o Roteiro sexa convenientemente sinalizado e forme parte dos itinerarios por Vigo, e así llelo expresou neste acto á concelleira de Igualdade, Chus Lago.

Transcribimos aquí as palabras de María Casar porque son a mellor xustificación do valor histórico e cultural que ten este roteiro con ollada de muller:

“Cos nosos ollares queremos mergullarnos noutras vivencias, noutro tempo e noutros xeitos de vivir e de traballar e neste roteiro viaxamos aos sons dun Vigo que medrou coa forza, co valor, co compromiso, coa solidariedade e a valentía das mulleres que fixeron do seu labor unha achega ao desenvolvemento social, económico, ideolóxico e cultural da cidade de Vigo conformando o seu ser.
Dende o compromiso políico, dende o traballo nas conserveiras e na ribeira do Berbés. Coas mans estragadas polo xeo e as galernas cavando angurias no corazón á espera dos que foran ao mar. Dende a pedagoxía alentadora e a medicina que medraba na vonade férrea e feminina aos murmurios e cantigas nos lavadoiros comunais e nos mercados. Dende os recunchos do traballo das cesteiras para encher de patelas as mans das carrexonas e os risos cómplices das ostreiras ás bágoas de sal das que emigraban e daquelas que vían dende a Estación Marítima alonxarse aos seus nun ronsel que desangrou a un país que afogaba en suores baixo soles alleos. Dende a cruenta represión franquista daquelas que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural e mesmo nas barricadas da resistencia ou dende os versos da nosa poeta nacional que viron a luz na imprenta de Compañel até o traballo construtivo das mestras e pedagogas que soñaron unha educación que aínda hoxe é soño de futuro. Dende a vontade de SER e de CONSTRUÍR a sociedade as mulleres ás que dedicamos este roteiro son a voz, o riso, o berro seco e a ollada que nos guía a todas e todos na construción dun mundo máis xusto e solidario.
Os sons do devalo dos nosos pasos perseguindo o eco das súas voces, dos seus risos e choros, da súa voz clara e segura medran en nós para afortalar o futuro fronte ao esquecemento”.
Aspecto do Salón de Actos do Marco, na presentación do I Roteiro en Feminino. © Víctor Acuña.







Máis fotografías en:
http://www.flickr.com/photos/feminismo/sets/72157628472793805/

12/12/11

Non hai xustificación nin atenuantes. É o machismo o que mata



Feminismogaliza (MNG) envíanos o seguinte mail:

Novo asasinato dunha muller na Galiza, e foi no seu posto de traballo. As declaracions do alcalde de Carral son inadmisibels. Respostemos na rúa, a este novo caso de violencia de xénero, porque o machismo mata e xá estamos fartas de tanta pasividade por parte das autoridades ante os sangrantes casos de terrorismo machista”.

O que dixo o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, foi: “Creo que nunca houbo (denuncias por violencia machista), pero él últimamamente, estaba un tanto abandonado, estaba en paro, bebía...” (fonte: Europa Press)

Por qué ao narrar casos de terrorismo machista séguese a insistir neste tipo de datos? Acaso ao describir outros fenómenos de violencia social, como outras formas de terrorismo, fálase deste tipo de cousas?

De nada informa o feito de que unha persoa beba, estea en paro ou “estea abandonada” ou cousas polo estilo cando se fala dun fenómeno no que outros agresores nin beben, nin están en paro, nin están abandonados. E a enorme maioría dos que beben, están en paro ou abandonados non asasinan. O problema do que estamos a falar non ten que ver con situacións individuais, senón cun comportamento social de dimensións enormes: dende que hai estadísticas (en 2003) van xa máis de 600 mulleres asasinadas en España.

NON HAI XUSTIFICACIÓNS NIN ATENUANTES. É O MACHISMO O QUE MATA.

Unímonos ao desexo de MNG: Respostemos na rúa a este novo caso de violencia de xénero, porque o machismo mata e a sociedade xa está farta.

7/12/11

Roteiro en Feminino para visibilizar as mulleres protagonistas da historia de Vigo


Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) inaugura o sábado, día 17 de decembro, en Vigo, o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres”, co obxectivo de rendir unha homenaxe a todas as mulleres que individual ou colectivamente foron protagonistas e pioneiras, co seu traballo, a súa sabiduría, a súa rebeldía...

“Elas foron quen de ir abrindo o camiño para todas nós,  tecendo a historia de Vigo, unha historia que silencia en xeral  o gran labor das mulleres. É  de xustiza, por iso, facer este recoñecemento para que a memoria e a historia dean o protagonismo que corresponde ás mulleres”.

O Roteiro descurre por quince puntos da cidade cos que MNG quere visibilizar as mulleres e acadar que “a cidade de Vigo poña en valor a igualdade tan necesaria para construir unha sociedade democrática”, e comezará de xeito guiado ás 11:00 h. na Praza 8 de Marzo, inaugurada en 2002 como un lugar para a reflexión lúdica e reivindicativa da situación actual das mulleres e un espazo integrador paa a mostra de propostas “cre-activas”.

Descurre pola Casa das Mulleres (Rúa Romil, 20), reivindicación histórica do feminismo e realidade desde 2002, un espazo “onde todas somos nós”; o lavadoiro A barroca (Poboadores); a Praza da Ribeira do Berbés, a imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12) onde se  imprimiu en 1863 “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro; a Estación Marítima, como testemuña da emigración, un éxodo que afectou por igual a homes e mulleres a comezos do século XX; as rúas Pescadería e Cesteiras, enclaves tradicionais de traballos das mulleres; o Mercado da Praza da Constitución; ou o Centro de Documentación e Recursos Feministas (Biblioteca Central).

O Roteiro continúa despois pola rúa do Príncipe, con dúas paradas (no Círculo Mercantil e no Marco, antiga cadea de Vigo) nas que se lembra a dúas vítimas do fascismo. A primeira, Rosario Hernández Diéguez, “A Calesa” (Vigo, 1916-1936), afiliada á UGT e vendedora de xornais na rúa do Príncipe, que foi violada, torturada, mutilada e asasinada nun cuartel da Falanxe, e despois fondeada preto das Cíes baixo unha prancha de ferro. E a segunda, Urania Mella Marco (Vigo, 1900- Lugo, 1945), presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, alfabetizadora e mestra de piano, que foi detida co seu home pola súa traxectoria progresista e a súa tarefa sociopolítica, e condenada a morte, igual ca el. A ela foille conmutada a pena por doce anos de cárcere, e morreu un mes despois de recupear a súa liberdade.

Logo dunha parada no Espazo contra a Violencia de Xénero (rúa Ronda don Bosco) onde se sitúa un marcador electrónico que sinala o número de mulleres asasinadas durante o ano en España polas súas parellas ou exparellas, o Roteiro remata na rúa Concepción Arenal, 6, cunha lembranza ás pedagogas e educadoras Concepción Arenal (Ferrol 1820-Vigo, 1893), Ernestina Oero Sestelo (Redondela 1890-1956) e Antía Cal (La Habana, 1923).

2/12/11

Retratos da mocidade na cadea Enlaza Vigo

Seguimos recibindo imaxes da cadea Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero, do pasado día 25 de novembro. Hoxe compartimos o álbum de Víctor Acuña que podedes ver completo na súa conta de flickr. Unha galería chea de mozos e mozas dos centros de ensino secundario de Vigo, cuxos rostros son a esperanza dunha sociedade na que non teña cabida a violencia contra as mulleres.

© Víctor Acuña.

30/11/11

Galería de fotos de Enlaza Vigo

Mónica Bar comparte con Enlaza Vigo as súas fotografías da cadea humana contra a violencia de xénero celebrada o pasado día 25. Siluetas de mulleres, representantes das organizacións de mulleres integrantes do Consello Municipal da Muller, persoas anónimas, persoal da Oficina Municipal do Voluntariado, pancarta institucional... 

Unha galería de fotos que recolle o ambiente arredor da cadea coa que a cidadanía de Vigo expresou a súa repulsa da violencia machista, que pode verse premendo neste álbum web de Picassa.

© Mónica Bar. Pancarta institucional.

28/11/11

Declaración Institucional do Pleno da Corporación- 25 de novembro



Na sesión ordinaria do día 19 de outubro de 2011, o Consello Municipal da Muller acordou designar a Dona Ángeles Arias Miño, representante da secretaría da muller de UGT, e membra do Consello Municipal da Muller, para a elaboración desta proposta e posterior lectura perante o Pleno da Corporación na sesión que terá lugar o 28 de novembro de 2011.

“Declaración Institucional co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres”. 

“O machismo mata”

As mulleres que formamos parte do consello municipal somos conscientes de que a nosa loita en defensa do longo camiño pola igualdade está costándonos un alto prezo. Pertencemos a diferentes organismos, asociacións e profesións e temos diversidade de opinións, mais caracterizámonos pola nosa capacidade de diálogo e traballo en prol da igualdade.

O movemento feminista na nosa cidade é un claro exemplo para o resto da Comunidade Galega; somos pioneiras na reivindicación dos dereitos das mulleres. Preocúpanos a todas e ocúpanos a manifestación máis grave da desigualdade que é a violencia machista.

Desde o ano 2003 as estatísticas dinnos que xa van máis de seiscentas mulleres asasinadas, todas elas vítimas do terrorismo machista.

Por estas datas, todos os anos conmemoramos o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

É certo que se aprobaron no noso país leis moi importantes para avanzar no eido da igualdade: a lei contra a violencia machista, a lei de igualdade entre mulleres e homes, a lei do dereito o aborto... Saltos cualitativos pero insuficientes.

Moi ao noso pesar seguimos tendo discriminacións por razóns de xénero no ámbito laboral, social, económico e político. As mulleres concienciadas do noso papel na sociedade, preguntámonos por que temos que pagar tan alto prezo para gozar da nosa independencia, por querer ser donas dos nosos proxectos de vida, por participar activamente na vida social e política, por querer ser visibles.

A violencia de xénero segue a ser o maior obstáculo para a igualdade. Os agresores teñen un obxectivo claro: conseguen destruír, atemorizar, paralizar. Preguntámonos que é o que a sociedade está a facer mal para que siga habendo tantas vítimas.

Desde o Consello Municipal da Muller formulamos o seguinte:

-Que non nos basta un minuto de silencio cada vez que hai unha vítima da violencia de xénero.

-Que as administracións se comprometan na prioridade da atención ás necesidades das mulleres que sofren maltrato, discriminación, desigualdade na sociedade e de forma continuada.

-Que as administracións traballen en colaboración, en equipo e democraticamente, tendo como colaboradora á sociedade implicada na problemática da violencia machista: asociacións e organismos.

-Que as administracións lles esixan a formación necesaria a aquelas persoas que teñan que atender as vítimas: sanidade, xustiza, benestar social, educación.

-Que as administracións melloren os mecanismos de coordinación entre xulgados, policía, servizos sociais.

-Que os medios de comunicación se impliquen no tratamento axeitado da información sobre a violencia, evitando valoracións subxectivas, frases feitas, opinións de persoas alleas.

-Que todas e todos utilicen a linguaxe de forma rigorosa para visibilizar a problemática da violencia machista.

Solicitámoslle ao Concello de Vigo:

1.- Que achegue os medios humanos, os recursos económicos e materiais necesarios para facer políticas de igualdade.

2.- O compromiso prioritario de traballar na prevención do maltrato, da discriminación e da violencia.

3.- O recoñecemento do traballo feito polas diferentes organizacións feministas ao longo destes anos, levantando a súa voz, e tratando de facer visible este terrorismo que tanto nos afecta como persoas.”

Un feito real



Colaboración de Antela Cid, actriz.

Martes 22 de Novembro de 2011, estación de metro e cercanías de Príncipe Pío, 15 horas e corenta e sete minutos, Madrid (España). Vexo a unha parella nova abrazada, os dous apoiados nunha baranda. Penso: ámanse.

Baixo as escaleiras mecánicas. Un berro de muller sobresae no balbordo do lugar. Xírome. El estampa a súa man contra a súa cara, ela volve berrar. A rapaza que vai diante de min di: “¡hijoeputa le acaba de dar!”. As escaleiras seguen mecánicamente cara abaixo e eu sigo mirando. Eles  violentamente unidos nun confuso abrazo. Chego abaixo e busco. Busco a alguén de seguridade. Atopo, informo e responden: “vale, vamos a ver hacia donde van”.

A parella difumínase entre a xente. Eu sigo cara o meu destino. Baixo do tren, estou en Aravaca. O garda de seguridade fronte a min, está en Aravaca. Ela que berraba non sei onde está.

27/11/11

Solidariedade multiplicada por miles de "frames"

A visión de Javier Viana da cadea humana EnlazaVigo do 25 de novembro.

"É unha homenaxe. Ahí hai máis de 500 fotos. En cada unha delas hai caras, historias, idades. A miña implicación consistiu en percorrer coa cámara e ringleira enteira. É coma un instante de solidariedade multiplicado por miles de frames: un combate corpo a corpo da tecnoloxía (a imaxe en movemento) contra a realidade  (a fixeza de cada grupo de rostros detido nunha foto)".

Música de Wöyza.


26/11/11

Mensaxe do IES Manuel Antonio

Mensaxe remitido polo IES Manuel Antonio, que foi lido polo seu alumnado na cadea Enlaza Vigo:

Os rapaces e rapazas do Manuel Antonio apoiamos e reivindicamos que a igualdade sexa unha realidade e non só un dereito e que a violencia de xénero sexa unha páxina nos libros de historia e non unha noticia presente a cotío nos medios de comunicación.

25/11/11

Vida



Colaboración da escritora Marga do Val (Texto lido o 25 de novembro do 2009 na Praza do Concello do Porriño contra a violencia de xénero).

Xa hai unhas cantas noites que Vida non dorme. Noites de sete meses e de non durmir por que o amor tira o sono aínda que nos faga soñar espertas. Esta noite é outra e o seu non durmir é outro. Vida lembra a súa vida, a vida que lle contaron, pouco é o que se debe lembrar cando só se teñen 16 anos. Vida é capaz de imaxinar a face da súa nai cando soubo que estaba preñada, de tantas veces que llo contou desde pequena, imaxinar a felicidade cando soubo que ía ter unha nena e a felicidade aínda maior cando a adormeceu contra o seu corazón por vez primeira e, como nese instante, Rebeldía decidiu chamala Vida. Vida pensa en Rebeldía e en todo o que dela aprendeu e, sen querer, ensaríllase na historia de Rebeldía, a súa nai, e na historia de Resignación, a súa avoa. Véñenlle lembranzas de cousas que ela non viviu, que non puido vivir pero que leva coma tatuaxes na pel. Só hoxe neste non durmir diferente lle veñen estas lembranzas. Resignación dicíndolle a Rebeldía, que non o saiba teu pai, anda con ollo. Resignación dicíndolle a Rebeldía, cala, non protestes, non me podo queixar que hai outros peores, el é bo, hai que sabelo levar. Rebeldía fuxindo da oficina do amigo do seu pai, á quen lle leva a contabilidade polas tardes, mentres estuda polas mañás dereito. Rebeldía baixando a correr as escaleiras desde un cuarto piso sen ascensor para non volver e deixar alí para sempre a súa roupa e os seus libros, aquela cadea co C de Consuelo que a súa avoa lle dera cando marchaba da casa para estudar en Compostela, o C de Consuelo enriba das follas abertas do Manifesto Comunista, ela que andaba en volta na lectura daquel libriño pequeno que aínda lle abrira máis os ollos: Que fai o poder no teu leito?. Rebeldía que protesta por traballar, se cadra, máis horas ca Modesto e cobrar menos ca el, naquel bufete do avogado progre que defendía aos insubmisos. Rebeldía que a leva a escola que a recolle pola tarde, que lle paga as clases de ballet que ela nunca puido ter. Resignación que lle fai vestidos con bordados de niño de abella e Rebeldía que só a leva a festa da parroquia despois da misa, para que ande nas barcas e mais nada. Vida que aprende que o máis importante para a muller vai ser a independencia económica, para iso cómpre estudar, prepararse, como lle dixo sempre a súa nai, aprender a valerse sen depender de ninguén, como lle di Resignación, ser dona do que é dunha, non coma antes. E é que Vida, nunca pensara até esta noite, o que debeu de ser antes. Non pode imaxinar, ela criada por unha nai solteira, que quixo ter unha filla, non pode pensar que as mulleres tivesen que pedir permiso para todo, ou aos pais ou aos maridos, até para teren unha conta no banco, nin sequera pode imaxinar as cafeterías sen mulleres, as gasolineiras sen mulleres e o seu instituto sen alumnas.

Hai sete meses que non dorme, comezou a saír con aquel rapaz, que coñece desde nena e que, hai sete meses lle fixo caso. Algo se lle meteu na boca do estómago que a ilusionaba, foi cando comezou a vestirse para el, pensando no que a el lle gustaba, a súa nai que non era muda, notou o cambio e díxollo. O malo non era ese desexo de que as horas pasaran para estar con el, con aqueles bicos que lle prendían o corpo e a facían feliz, o malo foi cando el comezou a ir ao seu, sen lle importar o seu desexo, sen pensar no que a ela lle gustaba. Sen se dar conta só saía con el, sen se dar conta el líalle as súas mensaxes no móbil, sen se dar conta, el preguntáballe sempre onde estivera, sen se dar conta aprendeu outras cantigas que viñan de vello. O amor sen celos non é amor e lembrou moitos dos boleros e tangos da súa avoa Resignación. E así foi como Vida desde hai catro meses comezou a temer das palabras do seu mozo Medo, a temer as súas ameazas de matarse se ela o deixaba. Moito chorou a noite que Medo a levou ao alto da Risca e a deixou alí, sen móbil, despois de discutiren. Moito chora agora mentres preme na man aquel libro que lle regalou a súa nai polos seus quince anos, mentres dicía, xa está un pouco pasado pero eu quéroo coma un talismán. Que fai o poder no teu leito?

Aperta o libro por vez primeira contra o seu corazón e lembra que se chama Vida e que cómpre desfacerse de Medo. Por iso escribe esta historia, así vaille ser máis fácil explicarlle á xuíza por que ten o brazo fóra do sitio. Sabe que a súa nai que non é muda vai estar con ela, tamén sabe o que a súa avoa lle di, ai nena, estes boleros de tanto sufrir xa non che son do teu tempo.     

24/11/11

Enlazad@s


Colaboración de Francisco Castro, escritor e editor.

A túa man que enlaza que proclama esixencias de liberdade que afasta así toda melancolía da luz.

A túa man que descobre a saída do universo presidiario no que el tantos el habitan acoirazados en razón caparazóns capa razón e pechaduras de telenovela coma galáns de folgos escasos fume xunguido de xofre samesuga que sempre mancan matan todo sobre todo a alegría que lles falta.

A túa man donicela liberada que fai voda coa miña porque quere.

A túa man que xa non se arrastra porque soubo matar ao verme bigotudo que te pensaba súa en usufruto dinerario compreiche un día es miña ou de ninguén que pensabas que era isto do amor eterno.

A túa man delicada e dedicada que ten dedos que me deixan sentir os teus ósos un día golpeados hoxe por fin ceibos coma violíns que dóces proclaman a sinfonía das améndoas e das bocas namoradas orgullo de seu corazón de seu.

A túa man que se alza para sinalar co dedo, non me toques nin me mires.

A túa man enlazada á miña
anunciando
a república da vida.